21.7.12

Situacións incómodas


Unha situación incómoda é aquela na cal unha das persoas que interveñen nela se sinte avergoñada e/ou humillada por non saber que dicir ou por arrepentirse do xa dito ou feito.
O outro día estaba eu saíndo do cuarto de baño dun edificio e atopeime cun señor que estaba falando só. Eu intentei pasar desapercibida pero o home miroume e dixo “estamos aquí ensaiando o meu amigo e eu”. Eu non sabía que dicirlle, non sabía se ese home era tolo ou humorista, polo que optei por dicir “Ah K. E esta é a primeira das situacións incómodas da miña vida.  

Situación incómoda número dous: Ti estas nun ambiente normal e relaxado falando con alguén sobre calquera cousa e nun intento de interesarse pola vida do outro preguntas algo como “e logo teu pai de que traballa?”. O que en principio parece unha pregunta sinxela que se resolve cunha sinxela resposta (que nos tempos de agora soe ser “ah, pois está no paro”) pasa a ser unha horrible situación para ti cando che responden “meu pai está morto”. Neste momento, ti podes facer dúas cousas, dicir “pois o meu ten vacas” e quedar como un cabrón insensible, ou quedar como un imbécil sensible dicindo “Ah K . Non hai unha boa resposta, nunca.

Situación incómoda número tres: Estás esperando o bus, por poñer algún exemplo, e entón alguén da parada rompe o xeo desta forma:
-Ola, como vas?
+Pois ben, non podo que…
-Si eu tamén ben, esperando o bus.
+E eu, ultimamente tar…
-Vale, falamos logo.
E entón o tipo colga o teléfono e mírate con cara de “e ti porque me falas?”, e ti, que descobres que fixeches o ridículo mentres pensabas que tiñas amigos, míralo con cara de “Ah K.

Situación incómoda número catro: Estas cunha amiga de compras. Ela colle a roupa que quere e diche “espérote no probador”. Ti, cando xa tes escollida a roupa, berras nos probadores o nome da túa amiga e diche “aquí”, que xa me dirás ti que tipo de referencia espacial é “aquí”, pero guíaste polo son da súa voz e abres a cortina do probador dicindo “mira collín estes pantalóns…” e descobres que abriches a cortina que non era e que a persoa que está ocupando ese probador te mira e che di “ESTÁ OCUPADO!” e ti, coa cortina aberta e todo o mundo mirándote, dis… “Ah K

Situación incómoda número cinco (e non imos facer rimas obscenas): É ben sabido por todos que mola mirar e tocar os móbiles de última xeración que están na exposición dos comercios. Por iso, é ben sabido por tódolos comercios que deben poñerlles alarma. As alarmas son uns dos principais obxectos que dan lugar a situacións incómodas, porque cando ti pensas “buah tío mira o Iphone 4” e o colles, a alarma empeza a soar por erro, pero iso a xente non o sabe e por iso todos te miran como se foses unha ladroa. Logo, ven o dependente da tenda e diche “non te preocupes, a alarma soa sen querer” e ti, humillada completamente ante tódalas persoas que te están mirando, dis “Ah K.
(isto tamén é aplicable cando ao saír dunha tenda a alarma pita e a caixeira che di “debe ser a tarxeta de crédito”, pero a situación económica non permite ter tarxetas de crédito así que aforro poñela)

Situación incómoda número seis: Dous dos teus amigos discuten acaloradamente e ti estás alí no medio intentando que a discusión non che afecte, pero todos sabemos que o vai facer, porque nalgún momento da discusión un dos amigos che vai dicir “A QUE TEÑO RAZON?” e o outro engadirá “A QUE TEÑO RAZÓN EU?” e ti, que nin queres dar a razón nin sabes quen a ten, limítaste a dicir “A min non me metades nas vosas cousas!”, pero vaia, que tamén poderías contestar “Ah K para que a miña entrada teña algo máis de sentido.

Situación incómoda número sete: Os ruídos que parecen o que non son, e incluso os que son o que parecen. Peidarse e algo moi natural que todo o mundo fai, pero cando o fas non o recoñeces, e cando non o fas sempre haberá algún ruído producido polo rozamento de dous corpos que fará que a xente do teu redor te mire como se foses un porco, pero un porco moi natural. Ti, que sabes que o pensan, intentas deixar o suficientemente claro que ningún gas saíu do teu corpo, e entón poste nervioso e dis “Eh, que non fun eu, que foi a cadeira! Vaia, que a cadeira non peidou porque as cadeiras non poden facelo, pero e que non foi un peido, foi a cadeira ao moverse, xa sabes, así” e intentas volver reproducir o son que desencadeou esta incómoda situación pero non che sae e claro, a xente pensa que mentes e diche “Ah K e sepárase uns poucos metros de ti.

Situación incómoda número oito: A profesora máis seria e correcta que tes pon unha película na clase na cal hai unha escena sexual. Creo que non necesita máis explicación que a de que a cara de todos é de “Ah… K

Situación incómoda número nove: Consiste en facer un comentario dalgún descoñecido pola rúa e facelo demasiado alto:
-TÍA MIRA QUE PEDAZO ORELLAS TEN ESE CHAVAL!
E efectivamente o rapaz ten orellas, e sexan grandes ou pequenas oíute, polo que te mira cunha cara ameazante e tanto ti como a persoa á que llo dixeches vos quedades con cara de… xa sabes, de “Ah K

Situación incómoda número nove punto cinco: O mesmo que antes, pero esta vez controlas o teu volume de voz e dislle ao teu amigo “mira disimuladamente ao home que tés detrás, xa verás que orellas máis grandes”. A persoa a quen llo dis non mira disimuladamente e como non o home, que ten orellas pero tamén ollos, deuse conta e volveu ocorrer o mesmo ca antes, coa mesma cara de “Ah K.

E por último, a situación incómoda número dez: É o teu aniversario e regálanche algo. Ti abres o paquete diante de quen cho regalou e descobres que dentro hai…poñamos por exemplo… un chaleco de pelo de leopardo. Cando o abres pregúntanche “Que, gústache? Custounos moito elixilo.” E ti, que mentes coma o cu, dislles “Ah K. Si…é bonito…orixinal… E non o sacas do armario nunca máis na vida.

Xa sabedes, podedes comentar as vosas situacións incómodas e opinar sobre as miñas. Grazas pola visita e ide pola sombra!


"Nunca rompas o silencio se non é para melloralo"-Ludwig van Beethoven


L.

4 comentarios:

  1. Ou como cando te atopas a alguén pola rúa e o saúdas, logo pregúntaslle que tal e logo como se fai o silencio dislle adeus. Logo volves velo e pensas "que carallo fago agora, saúdoo ou déixoo?"

    ResponderEliminar
  2. Eu cando me atopo nunha situación incómoda nunca respondo con un 'Ah'

    Eu digo o primeiro que se me pasa pola cabeza berrando. Axuda a quitarlle tensión ó momento e ademais resulta gracioso.

    ResponderEliminar
  3. Poderías tamén facer algunha tradución dalgún bo relato!

    ResponderEliminar