27.6.12

Que é ser normal?

Segundo din, hai xente peor ca outra, mais eu creo que iso é moi subxectivo e ti, se vas continuar lendo isto, supoño que tamén. De non ser así, poderías explicar como hai que comportarse para ser "mellor" ou "normal"?
A xente "normal" soe seguir un patrón, como os da costura. Determinada cor de pel, relixión, sexualidade, forma física... e como existe este patrón, existe a discriminación.
Desta forma, e dito mal e rápido...
Se es negro, ZASKA! A xente vete no top-manta.
Se es chinés, ZASKA! Vendendo cousas a 10 cent.
Se es xudeu, ZASKA! Vente nun campo de concentración, nos ósos e con pixama de raias.
Se es musulmán, ZASKA! Vente atentando contra algo ou alguén.
Se falas galego, ZASKA! Vente como alguén pobre, feo, ignorante, dicindo palabras brutas, cambiando a ortografía...
Se es muller, ZASKA! A limpar na casa e coidar dos nenos.
Se es gordo, ZASKA! Ao Burguer King!
Se es ancho de costas e estreito de cú, ZASKA! Din que es homosexual, e se es homosexual, ZAASKA! Xa nin te ven!
Se levas roupa lixeira e cintas no pelo, ZASKA! A fumar porros, hippie!
Se levas a roupa curta, ZASKA! A traballar polas esquinas, puta!
Se es xitano, ZASKA! Coa "fregoneta" a roubar!
E se pensas diferente, ZAAASKA! Non queren nin verte de lonxe!
Como dirían os señores amigos de meu avó cando algo non lles entra na cabeza: "TOCATOCARALLO!"
A xente xulga sen saber, non ten tolerancia, non dá oportunidades, non sabe ver a riqueza cultural que ten diante. Non aceptan a variedade, viven na ignorancia!
Pero señoras e señores, se a gracia de vivir é vivir sendo diferente! Iso e que, ao morrer, te recorden polas túas diferenzas.
Por todo isto fai falta xente que pense doutra forma, xente que non "zaskee", persoas que se saian das liñas, que pinten por fóra, que para buscar diferenzas xa están os pasatempos do xornal!
Eu non creo na xente rara nin na xente normal, creo na xente que é un mesmo e que está convencido da súa personalidade e creo que todos deberíamos estar convencidos de quen somos e do que queremos.
Como dixo Seoane, "Cremos que o que uniformiza diminúe ao ser humano, que as diferenzas culturais enriquecen a humanidade. Nós queremos axudar a enriquecer o mundo coa nosa diferenza"

Espero que alguén saque algo en limpo disto. O que saco eu en limpo de hoxe é que hai que esforzarse máis dende o principio, senon fodidos vamos.

"Nunca se alcanza o éxito ocultando o talento e a sensibilidade."


L.




25.6.12

Señoras que...

Quero comezar recompilando as redaccións que fixen fai un ano e pouco, cando aínda tiña algo de tempo para sentarme a escribir e para pedir opinións e correccións e logo reflexionar sobre o corrixido. Quero comezar tamén con algo de humor, e que mellor fonte humorística que as señoras?
Señoras, señoras...
-que quedan durmidas coa telenovela posta, pero espertan se cambias de canal.
-que din "se Deus quere" cando lles din "ata mañá".
-que entran no mar só para mexar.
-que discuten sobre quen está máis enferma.
-que din "oioioioi" cando se enteran dun rumor.
-que cruzan a bata sempre que van dicir algo importante.
-que nadan como cans para non mollar a cabeza.
-que gardan as mellores bragas para ir ao médico.
-que envolven o mando nun plástico con cinta illante.
-que quedan para "ir andar" e van a tódalas comidas e excursións do Imserso.
-que se levan moi ben co cura e cantan en alto na misa.
-que comen "cocretas", "mondarinas", "quivis" e "fambruesas".
-que toman "epidisfén" para calquera dor.
-que oen o teléfono na televisión e van coller o da casa.
-que non se coñecen pero comentan indignadas o moito que tarda o bus.
-que falan soas e te miran para que lles des conversación.
-que poñen a bolsa na cabeza cando chove.
-que din que fan "ginasia".
-que che din o moito que creciche e o guapo que estás (logo danche caramelos derretidos -.-' ).
-que nunca cren que comas o suficiente.
-que teñen o grandísimo desexo de fritirche un ovo.
-que cren que dan palmadas ao ritmo da música, pero non.
-que van polo medio da beirarrúa pero son como muros de contención e non se deixan adiantar.
-que poñen a chaqueta sen as mangas e se queixan do frío.
-que falan en pesetas.
-que din que o seu veciño asasino "sempre saudaba".
-que o amañan todo con refráns.
-que din "eu non digo nada", e dino.
-que suspiran ao deitarse e ao erguerse.
-que cando corren van máis despacio que cando camiñan.
-que seguen tódolos consellos de "Saber vivir" e rematan sento inmortais.
-que cando van paseando paran en seco para dicir algo grave.
-que din "Ai, Señor, lévame pronto!".
-que maldín a TDT.
-que comezan as conversacións cun "coñécese que..." ou cun "nos meus tempos...".
-que dan portazos ao baixar do coche e preguntan se pecharon ben.
-que temen que a túa compra se mesture coa súa na cinta do súper.
-que che sacan os ollos cos paraugas.
-que utilizan os vasos da Nocilla como vaixela da casa.
-que van en grupos collidas dos brazos formando barreiras infranqueables.
-que se pintan os dentes e, se cadra, os beizos.
-que levan un pouco de cara no maquillaje.
-que din "e ti de quen vés sendo?".
-que din que os seus homes "non as sacan".
-que cospen no pano e che limpan a cara con el.
-que van á beira da praia e poñen as mans na cintura.
-que golpean as tetas ao darse aire.
-que pasan sete anos na ducha da praia.
-que cren que por saír con chándal adelgazan.
-que se asustan coa palabra "pene" e teñen oito fillos.
-que, no verán, sacan a cadeira a fóra e forman o seu propio "Sálvame Deluxe".
-que rin escandalosamente.
-que discuten nos contestadores automáticos.
-que din "non, non, non, que eu non entendo deso" cando lles queres ensinar unha foto no ordenador.
-que te empurran e logo din "esta xuventude non respecta nada".
-que che dan quince bicos seguidos na mesma meixela e teñen bigote, MOITO bigote.
-que gardan os panos usados na manga.
-que non se dan acostumado aos "leuros".
-que lles dan de comer ás pombas por se unha é o Espirito Santo.
-que din que van facer "recaos" se non queren que saibas a onde van.
-que estrullan 40 barras de pan ata elixir a súa.
-que din, sen darse conta, ao butaneiro "métema na cociña" ou "non ma metas, que xa ma mete o meu home".
-que din "o día que eu falte, a vós cómevos a merda".
-que invocan a Satanás cando intentan dicir os nomes dos actores de Hollywood.
-que din "marcho, que teño que marchar".
-que despintan a cara con KH7.
[...]
E xa vedes, isto é o que nos agarda, pero nós non temos medo ;)
Moitas grazas aos que estades dando a coñecer o blog, é bonito sabelo.

L.

22.6.12

Presentación


Remata o curso 2011/2012 e o tempo libre aumenta. Todo o que algún día escribín anda por ahí espallado e    quero recollelo dalgunha forma neste blog, aportando tamén o meu pequeno gran de area á lingua galega. Xa veremos como vai collendo forma este proxecto e xa irei escribindo o que me dé a gana a ver se vos gusta, e senón, pois hai que aguantarse.
Xa sabedes, un pobo morre cando morre a súa cultura. Movede os marcos pola noite para evitar a morte da cultura galega!

L.