19.11.12

Xubilados futuros.

Atención: esta entrada pode conter trazos de frutos secos e ofensas á xuventude actual. 

Hoxe alguén dicía en Twitter que faltaban 46 días para que se acabase o mundo, e isto fai que eu me plantexe unha cousa: esta moi ben que os maias en vez de facer sudokus se poñan a calcular cantos días lle quedan ao mundo, é un cálculo tan sinxelo coma o que se fai no buscaminas, e eu comprendo que matasen o tempo así. Oe, que cada un fai o que quere no seu tempo de ocio, mira como ninguén se mete co Congreso Internacional de Observadores de Nubes (feito verídico) , pero tamén che digo que espero que acerten, porque xa non é só que vaia eu perder tódalas horas que me paso estudiando cousas que non me interesan en absoluto e me van valer para menos aínda...O importante é que, se o mundo non se acaba, as xeracións "nini" e "cani" chegarían a xubilarse algún día, e sei que para xubilarse primeiro hai que ter traballo, e sei que iso sería raro, pero cousas máis raras pasaron! E senón, mira ti isto:
Ao que iba...Xubilados, iso, xubilados. Imaxínate ti a típica imaxe da xubilada que está sentada nun banco do parque un día de inverno, co carriño da compra a un lado, coas lubas, o pucho e a gabardina subida ata o pescozo, dándolle pan ás pombiñas. Agora aplícalle a esa imaxe un filtro de Instragram. Todo é moi sentimental e moi perfecto, non? Pois agora imaxínate iso 50 anos despois, substituíndo a señoriña adorable por unha vella sen lubas nin pucho nin falda de máis de un palmo de longa, co piercing da bola blanca no beizo e os morros desproporcionadamente saídos de sacalos tanto para fóra nas fotos do Tuenti. E falando do Instagram... Agora, as fotos son da comida de cada día, pero para daquela as fotos serán de cuncas de sopa e dentaduras postizas ao lado, e ninguén quere ver unha foto dunha dentadura postiza en 300 perfís diferentes. Eu aínda diría máis... ninguén quere ver unha foto dunha dentadura postiza.

Meu avó esta xubilado, e como mecánico argalleiro que foi, aproveita a xubilación, entre outras cousas, para ferreguellar no taller e facer incubadoras, máquinas de amasar, reconstruír un chimpín e tal e cual. Pero agora ti eso telo que trasladar á situación de un chaval que se pasa a vida gastando os cartos en pezas para o coche, aleróns "thos wapos" e uns altavoces do tamaño dos aros que levan as súas mozas nas orellas. E cando sexa vello... que vai facer? Tunear o tacataca? Poñerlle óxido nitroso á cadeira de rodas e unhas llantas cromadas? Iso pode acabar realmente mal.

E logo empezaríamos a ver como as señoras escribirían no Facebook "Ste SaBadOohh kEdaDahh n l aMbUlaToRiioO kn lA pEñUkiiHhh toOa MalOtaah!...]]*" e claro, acabaríamos todos emigrando á Antártida...Disque alí non existen tales personaxes, e se existen, supoño que con tan pouca roupa o frío fará ben a súa labor conxeladora.

E por último, apuntar que os avós agora falan das películas en blanco e negro de vaqueiros, dos nenos que cantaban flamenco e do programa de Jordi Hurtado, pero despois falaránlles aos netos de Gandia Shore, da película de American Pie e... en vez de Sintrom ou insulina, non quero saber o que se chutarán.
Podo concluír despois de todo isto, que oxalá que os maias tiveran uns bos ábacos para contar os días que lle quedaban ao mundo, porque senón o futuro será, cando menos, diferente. 


"Temo o día en que a tecnoloxía sobrepase á nosa humanidade: o mundo só terá unha xeración de idiotas"- A. Einstein

L&C




5.11.12

V... de Vendetta.

Recorden, recorden, o cinco de novembro: Conspiración, pólvora e traizón... Non vexo a demora e sempre é a hora para evocala sen dilación. 

¡Boas tardes, Londres! Permitídeme que, primeiro, me desculpe pola interrupción. Eu, como moitos de vostedes, aprecio a comodidade da rutina diaria, a seguridade do familiar, a tranquilidade da monotonía. A min gústame tanto como a vós. Pero co espírito de conmemorar os importantes acontecementos do pasado (normalmente asociados coa morte de alguén ou co fin dalgunha terrible e sanguenta batalla e que se celebran cunha festa nacional), pensei que poderiamos celebrar este 5 de novembro (un día que, lamentablemente, xa ninguén recorda) tomándonos 5 minutos da nosa complicada vida para sentar e falar un pouco. Hai, claro está, persoas que non queren que falemos. Sospeito que, neste momento, estarán dando ordes por teléfono e que homes armados xa veñen de camiño.

Por que? Porque mentres poidan utilizarán a forza. Para que o diálogo? Sen embargo, as palabras sempre conservarán o seu poder, as palabras fan posible que algo tome significado e, se se escoitan, enuncian a verdade. E a verdade é que neste país algo vai moi mal, non? Crueldade e inxustiza, intolerancia e opresión. Antes tiñas libertade para obxectar, para pensar e dicir o que pensabas. Agora, tes censuras e sistemas de vixiancia que nos coartan para que nos conformemos e nos convirtamos en sumisos. Como puido ocorrer isto? Quen é o culpable? Certamente, uns son máis responsables que outros, e terán que rendir contas. Pero a verdade sexa dita, se están buscando un culpable, só teñen que mirarse ao espello.

Por que o fixeche? Porque tiñas medo. E quen non? Guerras, terror, enfermidades. Había unha plaga de problemas que conspiraron para corromper os vosos sentidos e zugarvos o sentido común. O temor puido con vós e, presas do pánico, acudístedes ao actual líder, Adam Sandler. Prometeuvos orde, prometeuvos paz. E todo canto vos pediu a cambio foi a vosa silenciosa e obediente sumisión. Onte á noite intentei poñer fin a ese silencio. Onte á noite destruín o Old Bailey para recordar a este país o que esqueceu.

Fai máis de catrocentos anos un gran cidadán desexou que o cinco de novembro quedara gravado na nosa memoria. A súa esperanza era facer recordar ao mundo que xustiza, igualdade e liberdade son algo máis que palabras; son metas alcanzables. Polo que se non abren os ollos, se seguen alleos aos crímenes deste goberno, entón suxírolles que permitan que o cinco de novembro pase sen pena nin gloria. Pero se ven o que eu vexo, se sinten o que eu sinto e se perseguen o que eu persigo, entón pídovos que vos unades a min, dentro dun ano, diante das portas do parlamento. E xuntos farémoslles vivir un cinco de novembro que xamais, xamais ninguén esquecerá.


"Remember, remember, the Fifth of November: the gunpowder treason and plot... I know of no reason why gunpowder treason should ever be forgot."

V de Vendetta