26.9.13

Incompetentes asalariados.

Xa é setembro. De feito xa está rematando o mes e o instituto xa empezou fai unha semana. O instituto, ese centro no que vas ser educado por unha serie de persoas cuxa formación ten como obxectivo dominar certos coñecementos e saber transmitilos, xunto con outros principios básicos como son a ética e a moral.  Ademais, contas co privilexio de que o teu traballo do día a día vai ser avaliado dunha maneira xusta e razoable, xa que non se trata de memorizar, senón de adquirir coñecementos que che van ser de utilidade nun futuro. JAH!

Incompetentes cun salario fixo. Fascistas cun xiz na man. Xente obediente que o único que mostran ante as inxustizas é a indiferenza. Iso nos ensinan, a chapar. Non nos axudan a pensar por nós mesmos, a loitar polo que queremos. Non nos ensinan a desobedecerlle a un sistema que ten como obxectivo destruír o ensino público, privándolles a moitos rapaces de optar a uns estudos e un traballo digno o día de mañá. Sociedade de clases? Que va, se somos todos iguais. 

E que esperas deles, se nin sequera lles gusta o seu traballo. Abúrrense, detestan aos seus alumnos (algún alumno ten complexo de profesor tamén), non lles interesa nada nin ninguén. Falemos do prototipo de profesor actual: “Bos días, páxina 123 por favor” (educación ante todo). Xa esta, iso é o único que vai dicir que sexa da súa propia colleita, o demais consiste en dicir o mesmo que pon o libro pero metendo polo medio algún toque persoal estilo “ehhhh” ou “de acuerdo?” que fagan a clase amena e interesante.
 Agora falemos do sistema de ensino actual: Chapar, exame, nota. Chapar, exame, nota. Media aritmética, e outra vez. Chapar, exame, nota... Logo fas selectivo, que son unha serie de exames onde claramente se demostra todo o que sabes e o preparado que estás, e veña, métete na carreira se podes. E se tes aptitudes pero non tes cartos, pide unha beca. Wert e os seus lambecús encárgase persoalmente de revisar tódalas solicitudes unha a unha e ser obxectivamente crítico no momento de concedela ou non. Seguro que cha dan.
Non vos asustedes, estou esaxerando. Non todo o persoal docente é igual de inútil. Sempre vai haber un profesor que pareza súper guai, que lle coma a cabeza aos rapaces respecto a uns ideais, que os impulse a queixarse e a desobedecer e que logo non se responsabilice dos seus actos. Revolucionarios de cartón pedra hainos en todas partes. Ou ese outro que non respecta aos seus alumnos e os humilla diante de toda a clase, facendo que perdan o interese pola materia que imparte. Imbéciles arrogantes tamén os hai en todas partes.


Agora en serio, non todos son iguais. Aínda que a maioría do tempo o pasei con incompetentes, unha das cales me fodeu este curso académico por non saber facer o seu traballo de orientar (facendo xusto o contrario), tamén tiven moita sorte en canto a outros profesores. Persoas que, ademais de ensinarme literatura galega ou filosofía (materias non escollidas ao azar), intentaron que evolucionase como persoa mostrándome que a vida non sempre é como eu quero, que teño uns dereitos como persoa e debo defendelos, porque agachando a cabeza a xustiza non ven soa; que se traballo e me esforzo, podo conseguir o que me propoña. Persoas que intentaron coñecerme e algunha que, aínda hoxe, intenta que aproveite e desenvolva as miñas virtudes artísticas. Profesores que me animaron a seguir adiante, a loitar polo que quero ser na vida e a valorar a cultura e a sociedade que me rodea. E mereceu a pena aguantar a sete ou oito imbéciles, porque os dous ou tres restantes eran realmente boas persoas. Grazas, de verdade.                                                                  

Laura

3.9.13

Galiza

Todo na miña terra é paisaxe
Menos traxe,
paxe
e garaxe. 
                                      
Versos de Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, do Colectivo Ronseltz