1.11.14

Violeta sidérea con poema.

Desfaite xa dos traxes, 
das sinais, dos retratos. 
Eu non te quero así... 
disfrazada de outra, 
filla sempre de algo. 
Eu quérote pura, libre, irredutible: ti.

Sei que cando te chame 
entre tódalas xentes do mundo, 
só ti serás ti. 
E cando me preguntes quen é o que te chama,
 o que te quere súa, 
enterrarei os nomes, 
os rótulos, a historia.
Irei rompendo todo o que enriba me botaron dende antes de nacer. 

E volto xa ao anónimo eterno do espido, 
da pedra, do mundo, direiche: 
"eu quérote, son eu".


Pedro Salinas


27.9.14

No solpor.


Todo arrastra o voo da luz.

Os lagos e as baías, os esteiros e os illós, 
Presentan moitas tardes, contra a hora do ocaso,
Unha brétema acendida,
A ignición dos espectros que saíron camiñar,
Etérea inflamación.

Incineran a beleza, carbonizan o boato,
E, nos fastos de queimar este esplendor,
Esfumíñanse na noite, sempre espida.





Desta cruel apoteose, desta pompa funeral,
Non salienta máis grandeza que a do espazo que se afunde
E a das horas que se perden como un líquido escoando.

Todo arrastra o voo da luz.








Os que temos a fortuna de levar nave lixeira
Entre o mesto neboeiro
E dispor o rumbo exacto cara ao fondo da baía
Vemos sombras e espantallos e quimeras
Calcinados sobre as ondas,
E hai enxendros, sombras, ánimas e meigas,
Que esvaecen para sempre aniquilados.

Todo mostra o sol que vence.
Todo arrastra para o Hades.

Na noitiña a brisa fresca enche a vela do navío.
Marca a luz o tempo exacto para ollar o que perdín.
As efixies que aínda fican sublimadas entre a néboa.
E despedirme.

Velaí quen debuxou cos seus ollos a derrota.
Velaí quen foi furtado para sempre
E afundiu como este sol,
Ulcerada expiación, dolorosa chaga.

Manuel Forcadela


[Foto feita en Castro Ribeiras do Lea]




4.9.14

Diario dun michiño.

Día 1: hoxe, coma dende que teño memoria, estaba durmindo. Cada vez tiña menos espacio e comezaba a estar incómodo. De repente a paz rompeuse e o nivel de auga comezou a baixar. Non comprendo ben o que pasou, todo foi moi confuso e axetreado, pero isto xa non é o mesmo. Dende que notei o frío na pel, unha señora estivo pasándome a lingua por todo o corpo. Eu non quero dicirlle nada porque a noto moi afanada, pero a súa lingua non é moi suave que se diga. Ademais, non son capaz de andar, e cando consigo arrastrarme agárranme polo pescozo e vólvenme ao sitio. O mellor será que vaia durmir, iso dáseme moi ben.

Dia 2: hoxe cando espertei, a fame era maior ca onte. Estiven comodamente deitado, esperando a que alguén me collese polo pescozo e me dese de comer. Miañei, ou intenteino. A verdade é que pensei que tería unha voz máis potente. Foi decepcionante. Cando espertei da cuarta ou quinta sesta a fame volvérase insoportable. Entón, algún tipo de criatura empuxoume contra algo blandiño, e despois outra vez, e outra. Podía cheirar a comida! Cun gran esforzo conseguín arrastrarme e facerme camiño entre os obstáculos que emitían os mesmos sons ca min (tamén decepcionantes). E atopeina: unha teta! Xa lle gustaría a moitos machos coma min ter unha teta pegada aos fociños,  e encima deume a merenda! Hoxe sen dúbida foi un gran día. Vou... durmir.

Día 10: vexo. Foi doloroso, pensei que me ardía o cerebro, pero conseguino:abrín os ollos. Primeiro só daba aberto un e parecía chosco, o cal non axuda a un macho dominante coma min, pero finalmente conseguín adaptarme á luz e xa comezo a andar ben. A señora que me lambe sempre, mamá, é moi gorda e grande, pero segue coidando de min. O peor son os outros: teño 9 irmáns -obviamente máis feos ca min- cos que deberei loitar ata ser o líder e coller a mellor teta de mamá. Comeza a loita! Pero... mellor despois da sesta.

Día 12: hoxe corrín polo menos 10 segundos, e acabei rebentado. Ademais, tiven que deixarlles claro aos meus irmáns quen manda aquí, e non foi fácil porque aínda non controlo de todo e metinme unhas boas hostias contra certos obstáculos. Tamén descubrín que teño unha lingua áspera como a de mamá, e xa sei lavar as patas! Vou facelo agora de novo, antes de durmir.

Día 13: estou algo desconcertado, levaba todo o día atopándome mal e mamá ensinoume a comer herbas. Logo de moitas herbas e moitas sestas, empecei a tusir e cuspín unha bóla de pelo. Do meu propio pelo! Pero descubrín unha cousa fantástica. Mamá di que se chama 'sol', e dá moito calorciño. Vou pasar debaixo del toda a vida!

Día 15: acabo de descubrir que chego a lamberme os collóns eu soliño. Contaríavos máis cousas, pero estou algo ocupado. 

Día 16: separáronme de mamá e dos 9 tocapelotas que non me deixaban mamar tranquilo. Estou triste, e confundido. Agora dame de comer un ser moi desconcertante cunha xeringa chea de leite. Non sabe como a de mamá, e non estou seguro de que este ser sexa de fiar. Vou vivir en alerta permanente.

Día 20: acabouse a alerta permanente. O tío raro este sabe rascarme as orellas como a min me mola, e cando me acaricia o lombo resúltame imposible non erguer o cu e poñer o rabo teso do gustirrinín que me dá. E si, vou durmir, pero hoxe moito mellor.

Día 24: a cacería comeza. Mamá cazaba moitos deses animaliños grises con orellas e rabo rosado. Dicía que tiñan moitas proti... porte...proteínas! O meu primeiro intento, para que mentir, foi un auténtico fracaso, pero xa non necesito ser o macho dominante porque estou eu só. Seguirei co entrenamento, a ver se para a próxima non dou ca cabeza contra a parede. Agora... mellor unha sesta.

Día 32: foi o día que máis durmín na miña vida -non moi longa ata o de agora-. Tiven a oportunidade de subirme á cama do tío raro e a verdade é que estaba moi cómodo ata que deixou de rascarme. Entón comecei a sospeitar que algo ía mal e decidín aproximarme á sua cara para saber se seguía vivo. Notei a súa respiración, pero non podo baixar a garda, se deixa de respirar e me entra a fame a ver que fago... Volve o estado de alerta permanente!



Día 39: humano hoxe está moi enfadado. Botou o día berrándome coa fregona na man e sinalandome unha caixa chea de area. Creo que pretende que vaia cagar a esa caixa, estará de carallada ou? Non penso encherme de areas cada vez que vaia botar unha mexada! Como non solte a fregona dunha vez, vou acabar coméndomo esta noite. Aínda que pensándoo ben... iso é demasiado traballo. Case mellor se durmo unha sesta antes,  que me queda moita vida por diante para torturalo.


MIAU!!!

L

3.9.14

Por que non o entendo?


Se me paro a pensar, realmente non sei nada de nada, e a verdade é que estou moi lonxe de comprender certas cousas. Algunhas ao mellor poden parecer sinxelas: por que non podo esbirrar cos ollos abertos? Como se lle volve poñer a tapa ás olivas despois de sacarlles o óso e meterlles a anchoa? Cantos gigapeutas son un terapeuta? Sen embargo son cousas que non me importa ignorar, xa que son máis irrelevantes que a análise sintáctica para o futuro de calquera persoa do universo.

En realidade o que me fai sentirme unha ignorante son as preguntas importantes de verdade, esas que pouca xente sabería responder sen o medo a equivocarse, esas cuxa resposta non viría acompañada dun bo sentimento para ningún de nós. Non sei por onde comezar, quizais polas que máis me preocupan. Por exemplo, como é posible que exista xente que pretenda xustificar a súa fobia aos estranxeiros? Non entendo a que vén iso de dar maior importancia á cor da pel que á cor dos ollos, como dicía aquel grande. E a homofobia? Desgraciadamente, se o número de racistas segue sendo moi alto no século XXI, arriscaríame a dicir que as mentes homófobas son máis. Falan do "normal", do "natural". Por que é máis natural follar con alguén do sexo contrario? Por que ese medo ao que non comprendemos, ao descoñecido? Esa discriminación cara o travestismo, a transexualidade... Como pode ser real? A que veñen tantos prexuízos? Chinos e bazares, xitanos e roubos, rastas e drogas... Non o entendo.

Ultimamente ir pola rúa é como ver un catálogo de Inditex. Mesma roupa, diferentes modelos. Rapazas e rapaces lambéndolle o cu ás modas, por que? A caso necesitamos refuxiarnos nelas? Tanto medo temos a ser nós mesmos?  Por que nos importa tanto o aspecto? Por que, aínda sendo todos copias exactas uns de outros, somos tan críticos do alleo? Son necesarios de verdade eses comentarios escandalizados ao respecto dun embigo ao aire? E dun tanga que se deixa asomar? E o nudismo? É racional a vergoña que nos causa deixar ver algo que todo o mundo ten? Porque todas as mulleres temos cona, non si?... Eu é que non o entendo.

E se falamos en termos sociopolíticos, non podo evitar preguntar quen carallo foron os que provocaron a crise económica. Por que se a caghastes tan rápido agora non a amañades coa mesma velocidade, eh? Que pasa, que a vós non vos afecta, ou? Claro que non, porque aquí quen sofre tódalas consecuencias sempre somos nós, o pobo, equivócome? Se nos aumentades os nosos deberes, por que ignorades os vosos? E o que é peor, por que vos encargades de acabar con todos os nosos dereitos? Tanto medo nos tedes? E nós, as mulleres, cando imos ter a igualdade que buscamos? Somos freadas, caladas, ocultadas, violadas, lapidadas, mutiladas, compradas e maltratadas en todo o mundo. Por que as mulleres non podemos ser as donas do noso propio corpo? Realmente algún día vai cambiar esta situación?... Non o entendo hostias!

Ademais, creo que ás veces hai xente que non ten clara a súa lista de prioridades. Por que Palestina, por poñer un exemplo, está sufrindo tal masacre? Por que a gran maioría de países dan prioridade á produción de capital, e non ás vidas humanas? Por que Estados Unidos sempre ten os fociños metidos en tódolos conflitos? E que me dicides do mundial. De verdade que hai tanta xente capaz de antepoñer o fútbol aos dereitos humanos? Se chega a estes extremos... é un deporte? Un entretenemento? E falando de entreter... Como é que tanta xente pode considerar a tortura dun touro ata o desangramento un arte? Cal dos dous se supón que é o animal nesa praza? Ou... Por que se converte o asasinato masivo de delfíns nunha tradición cultural?... QUE DIXEN QUE NON O ENTENDO!


E por último... Por que ninguén nos informa como é debido do que está pasando? Por que a prensa, a radio e a televisión non fan o seu traballo? Porque a estas alturas a min asáltame outra dúbida máis... É mellor ver as noticias e estar mal informada... ou vivir na ignorancia? Non sei, quizais non quero saber as respostas, porque aínda que iso supuxera máis información para min... Dende logo non me ían dar a felicidade. 


E así funcionamos, meu. Antepoñendo sempre a felicidade persoal á felicidade da maioría. Dando prioridade sempre ao noso propio benestar e deixando a un lado a loita colectiva.

Rebeldía e solidariedade van da man, e polo de agora non parece que se vaian deixar ver. 



Laura Mosquera

2.9.14

Beleza interior sen persoas reversibles.

Sei que fai tempo que non escribo, que non asomo os fociños por aquí. Podería dicir que non tiven tempo... pero se o tiven estiven empregándoo en pasalo ben, e funcionoume. Tódolos días pensaba en escribir, de verdade... pero a preguiza, que creo que é o sentimento máis universal que eu coñezo, acababa podendo comigo. Polo menos así era ata que chegou esa persoa tan próxima como capulla que todos temos preto e dixo: "non hai huevos a facer unha entrada cada día!". Obviamente eu non me piquei por algo tan absurdo e estúpido... Ou si. Que queres que che diga, eu sei que normalmente isto só funciona cos homes, pero eu sempre tiven mentalidade de macho, ou de medio macho. De pequena xogaba co Action Man e torturaba Barbies arrincándolles as pernas e iso -é que sen algunha tortura que outra o Action Man non tiña nada que facer, meu pobre-. Que as Barbies tamén estaban ben, así tan naturais elas con ese ese pescozo de 4 palmos de longo e esas proporcións que sen dúbida o que queren dar a entender é que a beleza está no interior

Agora que o dis -que si, que o dixeches- eu tiña unha profesora en 6º de primaria que, sei que che vai custar crelo, pero ensinábame cousas útiles. Recórdoa descuartizando un pito, tirándome tizas á cabeza e berrando "VOUCHE POÑER A CARA COMO UNHA EMPANADA!". Vale, recoñezo que os meus recordos dela non son os máis educativos pero prométoche que aprendín moito con ela. Sempre me dicía aquilo de que a beleza está no interior, e eu non o poño en dúbida porque ela sempre tiña razón, pero nunca me explicou como se saca o importante de dentro do corpo, e eu polo momento non coñezo a ninguén que sexa reversible.

Total, que como non son reversible fai 3 meses que me apuntei ao ximnasio coa persoa capulla nomeada anteriormente. Si, exacto, un deses propósitos que un se fai a principios do verán sendo totalmente consciente de que vai fracasar. Ambas cremos que se non conseguimos dar con esa "beleza interior" da que falan (a min creo que ma extirparon cando me operaron de apendicite) o mínimo que podemos facer é esforzarnos un pouco en manter a nosa exuberante, envexable e inmellorable "beleza exterior". E así, indo ao ximnasio día si e día tamén, foi como descubrimos un mundo novo cheo de cores, unha cultura diferente, unha tribo procedente de máis alá do Mar Angosto: os... como carallo se lle chamará á xente que vai ao ximnasio habitualmente?... ximnas...deport... flipaos da vida.

Recordo que o primeiro no que me fixei cando entrei no ximnasio foi nos espellos. Minto, foi no cheiro a macho cabrío que aquilo desprendía. Pero o segundo no que me fixei foi nos espellos. Había espellos verticais, horizontais, grandes, enormes, limpos e inaccesibles. Sen dúbida demasiados espellos para alguén coma min, alguén que a media mañá cae na conta de que leva as costuras de fóra ou os calcetíns diferentes. Sen embargo en todos e cada un dos espellos podían observarse homes que, tivesen os brazos coma un gorila ou ben coma unha suricata, presumían ante eles mesmos poñendo a típica cara que se lle queda a un cando dá coa deda pequena na pata da cama. Pero iso era de esperar.

O que non era de esperar, sen dúbida, era o que a min agora me gusta denominar como "o home estufa": que quenta, pero non cociña. Que ten o quentamento dominado, vaia -ao mellor o chiste me quedou demasiado intelectual-. Sexa como sexa, o homínido chega ao ximnasio vestido cunha equipación deportiva en cores flúor -esta equipación inclúe cinta para a fronte, guantes para facer pesas e unha réplica exacta das deportivas que levaba Jordan no último partido que xogou cos Lakers-. Como ía dicindo, chega, fai uns estiramentos que non o obriguen a dobrar o seu tronco máis alá do ángulo recto, e despois dunha necesaria preparación mental, sóbese á balanza. Baixa, pon a TVG na televisión, e volve subir (estas balanzas de hoxe en día non hai quen as entenda), e cando por fin obtén a información esperada -aínda que non a desexada-, bebe auga e cun "Veña, ata mañá chavalas!" abandona o ximnasio. Porque se hai algo que caracteriza ao "home estufa" é que pode prescindir de tódolos aparellos de exercicio existentes, co exercicio mental chégalle e sóbralle. 

O resto do ximnasio? O resto somos nós, os ineptos. Señores barrigóns que andan na cinta mentres se preguntan cando chegará o día no que entre pola porta unha señorita que posúa un cu como os dos pósters, señoras que van a pilates e cando alzan a perna por riba da cabeza fan que nos deamos de conta de que levamos desperdiciados 20 anos da miña vida... e nós (a persoa capulla e eu), que nos dedicamos a correr mentres vemos Doraemon na televisión, que non sabemos usar a balanza e que non nos miramos ao espello, porque total, a beleza está no interior, non? :)













"Morre lentamente quen evita unha paixón, quen prefire o negro sobre o branco e os puntos sobre as 'íes' a un remuíño de emocións, xustamente as que rescatan o brillo dos ollos, as que converten un bosquexo nun sorriso, as que fan latexar o corazón ante as equivocacións e os sentimentos."











Laura Mosquera


16.7.14

Inhumano. Perdoade se dubido sobre a definición, sobre a aplicación da verba. Que é máis inhumano que o humano? Pasámonos a vida facendo dano, deforestando, queimando, escravizando, maltratando e domesticando. Separando a nais dos seus fillos, levando a cabo unha produción en masa de seres vivos transformados en sacos de carne, unha produción que nin sequera ten como obxectivo abastecer á poboación, porque nin sequera o ser humano logra abastecer a todos os da súa raza. Por egoísmo, por envexa, por avaricia. Morren decenas de miles de nenos cada día porque non somos capaces de compartir, de saber conformarnos co que nos dan, co que nos resulta máis que suficiente para sobrevivir e para deixar que outros sobrevivan. A política? Roubar, enganar, prohibir e asasinar. A Igrexa? Roubar, enganar, prohibir e asasinar. A relixión? O adoutrinamento das persoas en contra incluso dos seus propios dereitos, e o peor, a submisión: mulleres maltratadas, lapidadas, sacrificios e roubos de identidade e de liberdade só por crer, ou por medrar crendo que cremos. Isto non é ser humano, e se o é, entón inhumano e humano teñen o mesmo significado.




L.

29.6.14

Cousas que fago cando fago cousas

E entón fiquei sorprendida,
pois era un espantallo:
agardando paciente a que os días de choiva rematasen,
espantando nos mouros corvos os días nos que o sol brillaba
e loitando por manterme en pé cando o vento zoaba con forza.

Era un espantallo...
Laura Mosquera

10.5.14

Win Wenders

O tempo cúrao todo. Mais que
ocorre se o tempo é a enfermidade?

Win Wenders: O ceo sobre Berlín


30.3.14

E. A. Poe

E os seus ollos teñen a aparencia
dos dun demo que está soñando.
E a luz da lámpada que sobre el se derrama
tende no chan a súa sombra. E a miña alma,
do fondo desa sombra que flota sobre o chan,
non poderá liberarse. Nunca máis!

O corvo - Edgar Allan Poe




14.3.14

Corazóns en Atlántida

Hala bicar. E o bico que lle deas será
polo que medirás todos os outros bicos da túa vida.

Scott Hicks: Corazóns en Atlántida


Laura Mosquera

25.2.14

O agasallo de Anya


Hoxe a entrada vai ser algo diferente do habitual, porque me dá a min a gana, que para iso o blog é meu. Sei que non acostumo a recomendar libros nel, pero tamén sei que O agasallo de Anya é máis que un libro infantil. 


O agasallo de Anya comezou entón como tal, como un conto infantil que relata, en forma de diario, a vida de dúas nenas de once anos, Xiana e Anya. Estas van demostrarnos que a pesar de atoparse unha en Galiza e outra en Ucraína comparten moito máis do que ninguén poida crer, porque os sentimentos, as emocións e a procura da felicidade, ao fin, son factores universais e non entenden de distancia ningunha. 

Pero a cousa non quedou aí. Pouco tempo despois da publicación do libro Sabela -a autora- decidiu que podía chegar máis alá e facer da súa novela un proxecto solidario cos nenos e nenas do orfanato de Vorzel'. Para isto, realizou un sorteo dunha mantiña de cores preciosa que ela mesma tecera, e por cada participación -similar á foto seguinte- ela mesma destinaba a parte económica correspondente a un exemplar da súa novela a axudar aos nenos e nenas de Ucraína.


Pero isto non acaba aquí, porque o vindeiro mércores 26 de febreiro, ás 20:00, vai ter lugar a presentación da novela na librería Biblos (en Ramón Ferreiro). Espero que teñades a oportunidade de ir, porque teño a impresión de que este gran proxecto non remata aquí e eu estou tendo a sorte de poder vivilo de cerca e, dunha maneira ou outra, formar parte del. Moitas grazas por todo Sabela, e moi boa sorte :)




Fotografía: Diego Arias
Laura Mosquera


L.

12.2.14

Neve.

E cando me decato de como imos pasar por este
mundo sen deixar rastro despois de levar unhas vidas
estúpidas, comprendo con rabia que na vida o único
que queda é o amor.

ORHAN PAMUK: Neve.



Debuxo: Laura Mosquera

20.1.14

Invernías

Que a vida non me sorprenda xamais
desprevenido calado e neutral
e que un segundo antes de renderme
vaia tamén comigo a imaxe do que fun cando era outro.

Lois Pereiro

Debuxo: Laura Mosquera