2.9.14

Beleza interior sen persoas reversibles.

Sei que fai tempo que non escribo, que non asomo os fociños por aquí. Podería dicir que non tiven tempo... pero se o tiven estiven empregándoo en pasalo ben, e funcionoume. Tódolos días pensaba en escribir, de verdade... pero a preguiza, que creo que é o sentimento máis universal que eu coñezo, acababa podendo comigo. Polo menos así era ata que chegou esa persoa tan próxima como capulla que todos temos preto e dixo: "non hai huevos a facer unha entrada cada día!". Obviamente eu non me piquei por algo tan absurdo e estúpido... Ou si. Que queres que che diga, eu sei que normalmente isto só funciona cos homes, pero eu sempre tiven mentalidade de macho, ou de medio macho. De pequena xogaba co Action Man e torturaba Barbies arrincándolles as pernas e iso -é que sen algunha tortura que outra o Action Man non tiña nada que facer, meu pobre-. Que as Barbies tamén estaban ben, así tan naturais elas con ese ese pescozo de 4 palmos de longo e esas proporcións que sen dúbida o que queren dar a entender é que a beleza está no interior

Agora que o dis -que si, que o dixeches- eu tiña unha profesora en 6º de primaria que, sei que che vai custar crelo, pero ensinábame cousas útiles. Recórdoa descuartizando un pito, tirándome tizas á cabeza e berrando "VOUCHE POÑER A CARA COMO UNHA EMPANADA!". Vale, recoñezo que os meus recordos dela non son os máis educativos pero prométoche que aprendín moito con ela. Sempre me dicía aquilo de que a beleza está no interior, e eu non o poño en dúbida porque ela sempre tiña razón, pero nunca me explicou como se saca o importante de dentro do corpo, e eu polo momento non coñezo a ninguén que sexa reversible.

Total, que como non son reversible fai 3 meses que me apuntei ao ximnasio coa persoa capulla nomeada anteriormente. Si, exacto, un deses propósitos que un se fai a principios do verán sendo totalmente consciente de que vai fracasar. Ambas cremos que se non conseguimos dar con esa "beleza interior" da que falan (a min creo que ma extirparon cando me operaron de apendicite) o mínimo que podemos facer é esforzarnos un pouco en manter a nosa exuberante, envexable e inmellorable "beleza exterior". E así, indo ao ximnasio día si e día tamén, foi como descubrimos un mundo novo cheo de cores, unha cultura diferente, unha tribo procedente de máis alá do Mar Angosto: os... como carallo se lle chamará á xente que vai ao ximnasio habitualmente?... ximnas...deport... flipaos da vida.

Recordo que o primeiro no que me fixei cando entrei no ximnasio foi nos espellos. Minto, foi no cheiro a macho cabrío que aquilo desprendía. Pero o segundo no que me fixei foi nos espellos. Había espellos verticais, horizontais, grandes, enormes, limpos e inaccesibles. Sen dúbida demasiados espellos para alguén coma min, alguén que a media mañá cae na conta de que leva as costuras de fóra ou os calcetíns diferentes. Sen embargo en todos e cada un dos espellos podían observarse homes que, tivesen os brazos coma un gorila ou ben coma unha suricata, presumían ante eles mesmos poñendo a típica cara que se lle queda a un cando dá coa deda pequena na pata da cama. Pero iso era de esperar.

O que non era de esperar, sen dúbida, era o que a min agora me gusta denominar como "o home estufa": que quenta, pero non cociña. Que ten o quentamento dominado, vaia -ao mellor o chiste me quedou demasiado intelectual-. Sexa como sexa, o homínido chega ao ximnasio vestido cunha equipación deportiva en cores flúor -esta equipación inclúe cinta para a fronte, guantes para facer pesas e unha réplica exacta das deportivas que levaba Jordan no último partido que xogou cos Lakers-. Como ía dicindo, chega, fai uns estiramentos que non o obriguen a dobrar o seu tronco máis alá do ángulo recto, e despois dunha necesaria preparación mental, sóbese á balanza. Baixa, pon a TVG na televisión, e volve subir (estas balanzas de hoxe en día non hai quen as entenda), e cando por fin obtén a información esperada -aínda que non a desexada-, bebe auga e cun "Veña, ata mañá chavalas!" abandona o ximnasio. Porque se hai algo que caracteriza ao "home estufa" é que pode prescindir de tódolos aparellos de exercicio existentes, co exercicio mental chégalle e sóbralle. 

O resto do ximnasio? O resto somos nós, os ineptos. Señores barrigóns que andan na cinta mentres se preguntan cando chegará o día no que entre pola porta unha señorita que posúa un cu como os dos pósters, señoras que van a pilates e cando alzan a perna por riba da cabeza fan que nos deamos de conta de que levamos desperdiciados 20 anos da miña vida... e nós (a persoa capulla e eu), que nos dedicamos a correr mentres vemos Doraemon na televisión, que non sabemos usar a balanza e que non nos miramos ao espello, porque total, a beleza está no interior, non? :)













"Morre lentamente quen evita unha paixón, quen prefire o negro sobre o branco e os puntos sobre as 'íes' a un remuíño de emocións, xustamente as que rescatan o brillo dos ollos, as que converten un bosquexo nun sorriso, as que fan latexar o corazón ante as equivocacións e os sentimentos."











Laura Mosquera


Ningún comentario:

Publicar un comentario