25.2.14

O agasallo de Anya


Hoxe a entrada vai ser algo diferente do habitual, porque me dá a min a gana, que para iso o blog é meu. Sei que non acostumo a recomendar libros nel, pero tamén sei que O agasallo de Anya é máis que un libro infantil. 


O agasallo de Anya comezou entón como tal, como un conto infantil que relata, en forma de diario, a vida de dúas nenas de once anos, Xiana e Anya. Estas van demostrarnos que a pesar de atoparse unha en Galiza e outra en Ucraína comparten moito máis do que ninguén poida crer, porque os sentimentos, as emocións e a procura da felicidade, ao fin, son factores universais e non entenden de distancia ningunha. 

Pero a cousa non quedou aí. Pouco tempo despois da publicación do libro Sabela -a autora- decidiu que podía chegar máis alá e facer da súa novela un proxecto solidario cos nenos e nenas do orfanato de Vorzel'. Para isto, realizou un sorteo dunha mantiña de cores preciosa que ela mesma tecera, e por cada participación -similar á foto seguinte- ela mesma destinaba a parte económica correspondente a un exemplar da súa novela a axudar aos nenos e nenas de Ucraína.


Pero isto non acaba aquí, porque o vindeiro mércores 26 de febreiro, ás 20:00, vai ter lugar a presentación da novela na librería Biblos (en Ramón Ferreiro). Espero que teñades a oportunidade de ir, porque teño a impresión de que este gran proxecto non remata aquí e eu estou tendo a sorte de poder vivilo de cerca e, dunha maneira ou outra, formar parte del. Moitas grazas por todo Sabela, e moi boa sorte :)




Fotografía: Diego Arias
Laura Mosquera


L.

12.2.14

Neve.

E cando me decato de como imos pasar por este
mundo sen deixar rastro despois de levar unhas vidas
estúpidas, comprendo con rabia que na vida o único
que queda é o amor.

ORHAN PAMUK: Neve.



Debuxo: Laura Mosquera