27.11.13


Como dixo un artista, 
existen 4 artes: 
a poesía, a música, a pintura, 
e como orixe e culminación de todas elas, 
a dor. 


Laura Mosquera.

26.11.13

Eh, papá!:


Non recordo os primeiros anos contigo. De como me poñías cabeza abaixo ou me deixabas colgada da barra das cortinas só sei o que as fotografías me din, e diso fai 16 anos xa. Aínda podo verte sentado no sofá con Perliña enriba, sacando os gatiños de dentro do coche antes de ir traballar ou lendo aquel libro de Como deixar de fumar, pero se me paro a pensar, creo que o primeiro recordo que teño de ti e esperándome á saída o meu primeiro día de colexo, e dese van seguidos moitos outros. 




Recordo como me ensinaches a andar na bici e como me levaches no colo á casa cando caín e desfixen as rodillas, como me ensinaches a nadar no río, a andar en patines, a xogar ao xadrez, ás cartas e ao dominó. Nunca deches feito nada bon de min ao baloncesto, e as únicas veces que conseguin meter a pelota polo aro foi porque ti me subías nos brazos, pero... si que conseguiches que recuperara volleyball despois de todo un verán xogando diante da casa! E sempre te recordo facéndome escachar coa risa, motivándome, dicíndome que todo ía ir ben se o facía como eu sabía, dándome impulso e animándome a continuar con todo aquilo que comezaba. Tamén reñéndome por deixar as luces encendidas, por tardar moito en ir á cociña, para evitar que me equivocase ou por non poñer interés nalgunhas cousas, pero sei que nunca me reprochaches nada e que sempre que me chamaches a atención foi porque sabías que necesitaba volver ao rego, que me facía falta que me puxeran as cousas claras. E se che gardo rancor por algo, só é por tódalas veces que me roubaches as zapatillas cando estaba descalza... víngome sacándoche fotos mentres durmes. 

Encántame levarche a contraria e discutirche cousas absurdas poñéndoche argumentos tan relevantes como "nah" ou "que non que... eu non o vexo así", porque a verdade é que sempre que debatimos algo aprendo moito de ti, aínda que non cho pareza. E din que nos parecemos, que son clavadiña a ti... Quen me dera. O que está claro é que compartimos o amor polas tatuaxes e un gran talento vocal! Ou... non era iso? :)


Hoxe, aínda que pareza mentira que aguantases tantos anos cunha filla coma esta, cumples 51 anos, e o mínimo que podo facer (xa que este ano non creo que vaia haber debuxo...) é agradecerche todo o que levas feito por min: grazas por todos os valores que me transmitiches, os consellos que me deches, a paciencia que demostraches ter comigo, todo o tempo que me dedicaches e toda a comprensión que me demostraches. Porque se dalguén aprendín as cousas importantes da vida, foi de ti, e se de algo estou realmente orgullosa hoxe en día, e de ser filla túa. 

Moitas felicidades, papá!


Ah! E... ten coidado coa porta do forno, que vas foder a rodilla! 

L.

17.11.13

Adoutrinamento nacionalista na ensinanza... ?

"Galicia Bilingüe ha constatado que el adoctrinamiento en la enseñanza también persiste y os lo va a mostrar. Después de ver esta PRESENTACIÓN (clicar para ver) vosotros también sabréis hasta qué punto esto es así."

E así comezan os de Galicia Bilingüe cubríndose de gloria e tratando aos Equipos de Normalización Da Lingua coma se fosen os Illuminati. Deixeivos aí arriba a presentación, pero son máis de 70 diapositivas e son consciente de que lelas é demasiado traballo para levar a cabo nas horas que dedicas a estar no ordenador, así que deixo aquí abaixo unhas capturas de pantalla que vos darán unha idea de que vai a cousa. Comezamos polas presentacións:

Comezan xa deixando claro que, a pesar de ser claramente  bilingües, a normalización lingüística nos centros de ensinanza son claramente un atentado contra a sociedade. 


Galicia Bilingüe, traducindo ao español webs en galego para unha "maior difusión fóra de Galiza". Son eles, os mesmos que defenden o bilingüismo na Administración pública, xa ves ti... Hipocrisía? Onde?

Debería estar prohibido traducir este tipo de cousas...


Aquí pasan a falar da páxina web da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, onde hai uns vídeos sobre "O que vai supoñer o decreto". A foto fala por si mesma. 


COMO SE VOS OCORRE DEIXAR QUE OS ALUMNOS DEFENDAN A SÚA LINGUA EN HORAS DE CLASE? INCONSCIENTES...!


Logo hai unhas cantas diapositivas que podedes ver na presentación (da 31 á 45) nas que mostra un blog dun centro educativo a favor do galego. Nelas atacan tanto ao blog como ao coordinador do Equipo de Normalización acusándoos, entre outras cousas, de ter unha conduta violenta, radical, combativa. Mirade esas diapositivas, por favor. Despois disto, aclaran os de GB:



Unhas diapositivas máis adiante (a partir da 64) describen o que eles queren facer ver nuns vídeos do Equipo de Normalización dun centro educativo diferente: volvemos entón á conduta radical e combativa, esta vez da man dunha canción de Dios ke te Crew, Herdeiros da dictadura.


Velaí van outras máis:

As imaxes falan por elas mesmas. Déixovos tamén aquí a denuncia e investigación que parece estar levando a cabo esta penosa asociación españolista. Dende aquí, igual que fixeron dende Centeás, tamén volo agradecemos, campións! 

Laura

13.11.13

Nunca Máis

Hoxe fai 11 anos que unha enorme catástrofe ecolóxica, o Prestige, arrasaba as costas galegas. Hoxe, non hai implicados, non hai culpables, tódolos acusados son absoltos. Esta lamentable sentencia é unha farsa, un insulto e un despropósito. Con ese petroleiro afundiu tamén a xustiza. Este país da moita pena. 
Non teño nada máis que dicir.







Nin olvidamos, 
nin perdoamos. 




               






#NuncaMáis


5.11.13

Remember, remember...


Lembren, lembren o cinco de novembro. Conspiración, pólvora e traizón. Non vexo a demora e sempre é a hora de evocala sen dilación. Pero que foi do home? Sei que se chamaba Kay Fox e sei que en 1605 quixo facer saltar polos aires o parlamento británico. Pero quen era realmente? Como era? Dinnos que lembremos os ideais, non ao home, porque ningún home pode acabarse: poden detelo, poden matalo e poden esquecelo, pero catrocentos anos máis tarde os ideais poden seguir cambiando o mundo.


Eu vin cos meus propios ollos o poder dos ideais. Vin xente matar por eles e morrer por defendelos. Non se pode bicar un ideal nin tocalo ou cazalo. Os ideais non sangran, non sofren e tampouco aman [...]