Se me paro a pensar, realmente non sei nada de nada, e a verdade é que estou moi lonxe de comprender certas cousas. Algunhas ao mellor poden parecer sinxelas: por que non podo esbirrar cos ollos abertos? Como se lle volve poñer a tapa ás olivas despois de sacarlles o óso e meterlles a anchoa? Cantos gigapeutas son un terapeuta? Sen embargo son cousas que non me importa ignorar, xa que son máis irrelevantes que a análise sintáctica para o futuro de calquera persoa do universo.
En realidade o que me fai sentirme unha ignorante son as preguntas importantes de verdade, esas que pouca xente sabería responder sen o medo a equivocarse, esas cuxa resposta non viría acompañada dun bo sentimento para ningún de nós. Non sei por onde comezar, quizais polas que máis me preocupan. Por exemplo, como é posible que exista xente que pretenda xustificar a súa fobia aos estranxeiros? Non entendo a que vén iso de dar maior importancia á cor da pel que á cor dos ollos, como dicía aquel grande. E a homofobia? Desgraciadamente, se o número de racistas segue sendo moi alto no século XXI, arriscaríame a dicir que as mentes homófobas son máis. Falan do "normal", do "natural". Por que é máis natural follar con alguén do sexo contrario? Por que ese medo ao que non comprendemos, ao descoñecido? Esa discriminación cara o travestismo, a transexualidade... Como pode ser real? A que veñen tantos prexuízos? Chinos e bazares, xitanos e roubos, rastas e drogas... Non o entendo.
Ultimamente ir pola rúa é como ver un catálogo de Inditex. Mesma roupa, diferentes modelos. Rapazas e rapaces lambéndolle o cu ás modas, por que? A caso necesitamos refuxiarnos nelas? Tanto medo temos a ser nós mesmos? Por que nos importa tanto o aspecto? Por que, aínda sendo todos copias exactas uns de outros, somos tan críticos do alleo? Son necesarios de verdade eses comentarios escandalizados ao respecto dun embigo ao aire? E dun tanga que se deixa asomar? E o nudismo? É racional a vergoña que nos causa deixar ver algo que todo o mundo ten? Porque todas as mulleres temos cona, non si?... Eu é que non o entendo.
E se falamos en termos sociopolíticos, non podo evitar preguntar quen carallo foron os que provocaron a crise económica. Por que se a caghastes tan rápido agora non a amañades coa mesma velocidade, eh? Que pasa, que a vós non vos afecta, ou? Claro que non, porque aquí quen sofre tódalas consecuencias sempre somos nós, o pobo, equivócome? Se nos aumentades os nosos deberes, por que ignorades os vosos? E o que é peor, por que vos encargades de acabar con todos os nosos dereitos? Tanto medo nos tedes? E nós, as mulleres, cando imos ter a igualdade que buscamos? Somos freadas, caladas, ocultadas, violadas, lapidadas, mutiladas, compradas e maltratadas en todo o mundo. Por que as mulleres non podemos ser as donas do noso propio corpo? Realmente algún día vai cambiar esta situación?... Non o entendo hostias!
Ademais, creo que ás veces hai xente que non ten clara a súa lista de prioridades. Por que Palestina, por poñer un exemplo, está sufrindo tal masacre? Por que a gran maioría de países dan prioridade á produción de capital, e non ás vidas humanas? Por que Estados Unidos sempre ten os fociños metidos en tódolos conflitos? E que me dicides do mundial. De verdade que hai tanta xente capaz de antepoñer o fútbol aos dereitos humanos? Se chega a estes extremos... é un deporte? Un entretenemento? E falando de entreter... Como é que tanta xente pode considerar a tortura dun touro ata o desangramento un arte? Cal dos dous se supón que é o animal nesa praza? Ou... Por que se converte o asasinato masivo de delfíns nunha tradición cultural?... QUE DIXEN QUE NON O ENTENDO!
E por último... Por que ninguén nos informa como é debido do que está pasando? Por que a prensa, a radio e a televisión non fan o seu traballo? Porque a estas alturas a min asáltame outra dúbida máis... É mellor ver as noticias e estar mal informada... ou vivir na ignorancia? Non sei, quizais non quero saber as respostas, porque aínda que iso supuxera máis información para min... Dende logo non me ían dar a felicidade.
E así funcionamos, meu. Antepoñendo sempre a felicidade persoal á felicidade da maioría. Dando prioridade sempre ao noso propio benestar e deixando a un lado a loita colectiva.
Rebeldía e solidariedade van da man, e polo de agora non parece que se vaian deixar ver.
Oxalá eu fose quén de responder esas preguntas ... ou mellor aínda, oxalá nin sequera tiveses ti que plantexalas. Pero mentras tanto, como ti apuntas, a loita continúa!
ResponderEliminar