Xa é setembro. De feito xa está rematando o
mes e o instituto xa empezou fai unha semana. O instituto, ese centro no que
vas ser educado por unha serie de persoas cuxa formación ten como obxectivo
dominar certos coñecementos e saber transmitilos, xunto con outros principios
básicos como son a ética e a moral.
Ademais, contas co privilexio de que o teu traballo do día a día vai ser
avaliado dunha maneira xusta e razoable, xa que non se trata de memorizar,
senón de adquirir coñecementos que che van ser de utilidade nun futuro. JAH!
Incompetentes cun salario fixo. Fascistas cun
xiz na man. Xente obediente que o único que mostran ante as inxustizas é a
indiferenza. Iso nos ensinan, a chapar. Non nos axudan a pensar por nós mesmos,
a loitar polo que queremos. Non nos ensinan a desobedecerlle a un sistema que
ten como obxectivo destruír o ensino público, privándolles a moitos rapaces de
optar a uns estudos e un traballo digno o día de mañá. Sociedade de clases? Que
va, se somos todos iguais.
E que esperas deles, se nin sequera lles gusta
o seu traballo. Abúrrense, detestan aos seus alumnos (algún alumno ten complexo
de profesor tamén), non lles interesa nada nin ninguén. Falemos do prototipo de
profesor actual: “Bos días, páxina 123
por favor” (educación ante todo). Xa esta, iso é o único que vai dicir que
sexa da súa propia colleita, o demais consiste en dicir o mesmo que pon o libro
pero metendo polo medio algún toque persoal estilo “ehhhh” ou “de acuerdo?”
que fagan a clase amena e interesante.
Agora
falemos do sistema de ensino actual: Chapar,
exame, nota. Chapar, exame, nota. Media aritmética, e outra vez.
Chapar, exame, nota... Logo fas selectivo, que son unha serie de exames onde claramente
se demostra todo o que sabes e o preparado que estás, e veña, métete na
carreira se podes. E se tes aptitudes pero non tes cartos, pide unha beca. Wert
e os seus lambecús encárgase persoalmente de revisar tódalas solicitudes unha a
unha e ser obxectivamente crítico no momento de concedela ou non. Seguro que
cha dan.
Non vos asustedes, estou esaxerando. Non todo
o persoal docente é igual de inútil. Sempre vai haber un profesor que pareza súper
guai, que lle coma a cabeza aos rapaces respecto a uns ideais, que os impulse a
queixarse e a desobedecer e que logo non se responsabilice dos seus actos. Revolucionarios
de cartón pedra hainos en todas partes. Ou ese outro que non respecta aos
seus alumnos e os humilla diante de toda a clase, facendo que perdan o interese
pola materia que imparte. Imbéciles arrogantes tamén os hai en todas partes.
Agora en serio, non todos son iguais. Aínda
que a maioría do tempo o pasei con incompetentes, unha das cales me fodeu este
curso académico por non saber facer o seu traballo de orientar (facendo xusto o
contrario), tamén tiven moita sorte en canto a outros profesores. Persoas que,
ademais de ensinarme literatura galega ou filosofía (materias non
escollidas ao azar), intentaron que evolucionase como persoa mostrándome que a
vida non sempre é como eu quero, que teño uns dereitos como persoa e debo
defendelos, porque agachando a cabeza a xustiza non ven soa; que se traballo e
me esforzo, podo conseguir o que me propoña. Persoas que intentaron coñecerme e
algunha que, aínda hoxe, intenta que aproveite e desenvolva as miñas virtudes
artísticas. Profesores que me animaron a seguir adiante, a loitar polo que
quero ser na vida e a valorar a cultura e a sociedade que me rodea. E mereceu a
pena aguantar a sete ou oito imbéciles, porque os dous ou tres restantes eran
realmente boas persoas. Grazas, de
verdade.
Laura
Levei unha boa sorpresa ó ver que volviches publicar. En serio, non deixes de facelo por favor, síntome realmente identificado =)
ResponderEliminar