8.7.12

Verán adolescente

[Fotografía: Laura Mosquera]

Estamos a día...A verdade é que non sei a que día estamos, porque no verán o meu cerebro (como o da maioría dos estudantes) perde a noción do tempo e tódolos días pasan a ser sábado.
Unha vez que remata o curso, comeza a fase na que o estudante se propón a el mesmo facer deporte, cultivar o corpo agora que xa cultivou a mente, exprimir o tempo ao máximo e facer as cousas que deixou pendentes durante o inverno (ler, facer limpeza, dedicarlle tempo á xente do seu redor...). Como é lóxico, o estudante está ata as gónadas de estudar ou de facer que estuda, polo tanto a proposta que se fixo a inicios do verán fracasa tamén a inicios do verán.  
Rematada a fase que denominaremos como fase de adaptación, comeza a fase de aceptación, na que o humilde estudante se dá conta de que non vai mover o cu da cama se non é estrictamente necesario, como pode ser o caso de ir mexar ou de ir á cociña por provisións que favorezan á obesidade infantil. Comezan aquí as noites vendo películas, as mañás durmindo, as nais berrando que non facemos nada... E é verdade, non facemos nada máis que o que temos intención de facer, nada. 
A adaptación remata cando comeza a fase de nostalxia. O adolescente pensa que bota de menos aos compañeiros, que bota de menos os bocadillos do recreo, as risas que se botan nas clases, as clases nas que o profesor di algo que che interesa ou incluso as clases nas que o interesante é o profesor. 
(No caso dos estudantes con asignaturas suspensas, esta fase substitúese pola de desesperación. O estudante sabe que non lle dá tempo a estudar todo o que debe e limítase a odiar ao profesor da asignatura que suspendeu e a facer apuntes en letra moi pequena e en pedaciños de papel sospeitosamente pequenos).
A última fase é a de resignación e durará tanto tempo como o novo curso. Todos pasamos por esta fase, mais ao mellor hai xente que nunca viviu algunha fase das anteriores, que hai xente para todo. Por isto, todos sabemos que é horrible ser consciente o primeiro día do mes de outubro de que aínda che quedan máis de oito meses de clases, nos cales botas tanto tempo sentad@ nunha cadeira que o cu se che volve carpeta, nos cales pasas seis horas ao día escoitando cousas que probablemente non che interesen e nos cales desexas cada un dos días que chegue de novo a fase de adaptación.
A min tamén me pasa. Moitas veces penso "Tampouco é tan malo, ás veces incluso era divertido", pensamento que apoia miña nai dicindo "Anda non te queixes, que a vida do estudante é a mellor que hai". Eu non quero coñecer a vida do traballador, creo. 

A maioría dos días dun ano non teñen nada de especial, comezan e rematan sen deixarnos recordos perdurables na memoria. A maioría dos días dun ano non teñen ningún impacto sobre o transcurso dunha vida.

L.

5 comentarios:

  1. E seguimos na mesma liña... en tres palabras XE-NI-AL. Es a ostia.

    ResponderEliminar
  2. XE-NIAL son dúas sílabas nada máis. En todo caso, é verdade, aínda que vexo que ti como estudante non desaproveitas o verán...e non nos deixas desaproveitalo :)

    ResponderEliminar
  3. A verdade é que o verán é un asco, o único que da son problemas. Máis tempo libre = máis tempo libre para pensar...Deprimente.

    ResponderEliminar
  4. [...] non vai mover o cu da cama se non é estrictamente necesario [...]

    Síntome esaxeradamente identificado

    ResponderEliminar
  5. Eu sintome identificada tamén coa frase que puxo ahí Joe :)A entrada está moi ben :)

    ResponderEliminar