Unha situación incómoda é aquela na cal unha
das persoas que interveñen nela se sinte avergoñada e/ou humillada por non
saber que dicir ou por arrepentirse do xa dito ou feito.
O outro día estaba eu saíndo do cuarto de baño
dun edificio e atopeime cun señor que estaba falando só. Eu intentei pasar
desapercibida pero o home miroume e dixo “estamos aquí ensaiando o meu amigo e
eu”. Eu non sabía que dicirlle, non sabía se ese home era tolo ou humorista,
polo que optei por dicir “Ah K”. E esta é a primeira das situacións incómodas da miña vida.
Situación incómoda número dous: Ti estas nun
ambiente normal e relaxado falando con alguén sobre calquera cousa e nun intento
de interesarse pola vida do outro preguntas algo como “e logo teu pai de que
traballa?”. O que en principio parece unha pregunta sinxela que se resolve
cunha sinxela resposta (que nos tempos de agora soe ser “ah, pois está no paro”)
pasa a ser unha horrible situación para ti cando che responden “meu pai está
morto”. Neste momento, ti podes facer dúas cousas, dicir “pois o meu ten vacas”
e quedar como un cabrón insensible, ou quedar como un imbécil sensible dicindo “Ah
K” . Non hai unha boa resposta, nunca.
Situación incómoda número tres: Estás
esperando o bus, por poñer algún exemplo, e entón alguén da parada rompe o xeo
desta forma:
-Ola, como vas?
+Pois ben, non podo que…
-Si eu tamén ben, esperando o bus.
+E eu, ultimamente tar…
-Vale, falamos logo.
E entón o tipo colga o teléfono e mírate con cara
de “e ti porque me falas?”, e ti, que descobres que fixeches o ridículo mentres
pensabas que tiñas amigos, míralo con cara de “Ah K”.
Situación incómoda número catro: Estas cunha
amiga de compras. Ela colle a roupa que quere e diche “espérote no probador”.
Ti, cando xa tes escollida a roupa, berras nos probadores o nome da túa amiga e
diche “aquí”, que xa me dirás ti que tipo de referencia espacial é “aquí”, pero
guíaste polo son da súa voz e abres a cortina do probador dicindo “mira collín
estes pantalóns…” e descobres que abriches a cortina que non era e que a persoa
que está ocupando ese probador te mira e che di “ESTÁ OCUPADO!” e ti, coa
cortina aberta e todo o mundo mirándote, dis… “Ah K”
Situación incómoda número cinco (e non imos
facer rimas obscenas): É ben sabido por todos que mola mirar e tocar os móbiles
de última xeración que están na exposición dos comercios. Por iso, é ben sabido
por tódolos comercios que deben poñerlles alarma. As alarmas son uns dos
principais obxectos que dan lugar a situacións incómodas, porque cando ti
pensas “buah tío mira o Iphone 4” e o colles, a alarma empeza a soar por erro,
pero iso a xente non o sabe e por iso todos te miran como se foses unha ladroa.
Logo, ven o dependente da tenda e diche “non te preocupes, a alarma soa sen
querer” e ti, humillada completamente ante tódalas persoas que te están mirando,
dis “Ah K”.
(isto tamén é aplicable cando ao saír dunha
tenda a alarma pita e a caixeira che di “debe ser a tarxeta de crédito”, pero a
situación económica non permite ter tarxetas de crédito así que aforro poñela)
Situación incómoda número seis: Dous dos teus
amigos discuten acaloradamente e ti estás alí no medio intentando que a
discusión non che afecte, pero todos sabemos que o vai facer, porque nalgún
momento da discusión un dos amigos che vai dicir “A QUE TEÑO RAZON?” e o outro
engadirá “A QUE TEÑO RAZÓN EU?” e ti, que nin queres dar a razón nin sabes quen
a ten, limítaste a dicir “A min non me metades nas vosas cousas!”, pero vaia,
que tamén poderías contestar “Ah K” para que a miña entrada teña algo máis de sentido.
Situación incómoda número sete: Os ruídos que
parecen o que non son, e incluso os que son o que parecen. Peidarse e algo moi
natural que todo o mundo fai, pero cando o fas non o recoñeces, e cando non o
fas sempre haberá algún ruído producido polo rozamento de dous corpos que fará
que a xente do teu redor te mire como se foses un porco, pero un porco moi
natural. Ti, que sabes que o pensan, intentas deixar o suficientemente claro
que ningún gas saíu do teu corpo, e entón poste nervioso e dis “Eh, que non fun
eu, que foi a cadeira! Vaia, que a cadeira non peidou porque as cadeiras non
poden facelo, pero e que non foi un peido, foi a cadeira ao moverse, xa sabes,
así” e intentas volver reproducir o son que desencadeou esta incómoda situación
pero non che sae e claro, a xente pensa que mentes e diche “Ah K” e sepárase
uns poucos metros de ti.
Situación incómoda número oito: A profesora
máis seria e correcta que tes pon unha película na clase na cal hai unha escena
sexual. Creo que non necesita máis explicación que a de que a cara de todos é
de “Ah… K”
Situación incómoda número nove: Consiste en
facer un comentario dalgún descoñecido pola rúa e facelo demasiado alto:
-TÍA MIRA QUE PEDAZO ORELLAS TEN ESE CHAVAL!
E efectivamente o rapaz ten orellas, e sexan
grandes ou pequenas oíute, polo que te mira cunha cara ameazante e tanto ti
como a persoa á que llo dixeches vos quedades con cara de… xa sabes, de “Ah K”
Situación incómoda número nove punto cinco: O
mesmo que antes, pero esta vez controlas o teu volume de voz e dislle ao teu
amigo “mira disimuladamente ao home que tés detrás, xa verás que orellas máis
grandes”. A persoa a quen llo dis non mira disimuladamente e como non o home,
que ten orellas pero tamén ollos, deuse conta e volveu ocorrer o mesmo ca
antes, coa mesma cara de “Ah K”.
E por último, a situación incómoda número dez:
É o teu aniversario e regálanche algo. Ti abres o paquete diante de quen cho
regalou e descobres que dentro hai…poñamos por exemplo… un chaleco de pelo de
leopardo. Cando o abres pregúntanche “Que, gústache? Custounos moito elixilo.” E
ti, que mentes coma o cu, dislles “Ah K. Si…é bonito…orixinal…”
E non o sacas do armario nunca máis na vida.
Xa sabedes, podedes comentar as vosas
situacións incómodas e opinar sobre as miñas. Grazas pola visita e ide pola
sombra!
"Nunca rompas o silencio se non é para melloralo"-Ludwig van Beethoven
L.
"Nunca rompas o silencio se non é para melloralo"-Ludwig van Beethoven
L.
Ou como cando te atopas a alguén pola rúa e o saúdas, logo pregúntaslle que tal e logo como se fai o silencio dislle adeus. Logo volves velo e pensas "que carallo fago agora, saúdoo ou déixoo?"
ResponderEliminarEsta é a realidade.
ResponderEliminarEu cando me atopo nunha situación incómoda nunca respondo con un 'Ah'
ResponderEliminarEu digo o primeiro que se me pasa pola cabeza berrando. Axuda a quitarlle tensión ó momento e ademais resulta gracioso.
Poderías tamén facer algunha tradución dalgún bo relato!
ResponderEliminar