4.7.13

Un máis un non sempre son dous.

Odio as matemáticas, e ti estou segura de que tamén.. As matemáticas só nos supoñen ecuacións, incógnitas, problemas e solucións. Quizais o noso verdadeiro problema non é o que o libro de matemáticas nos plantexa, ao mellor o problema que nós temos é que non nos damos de conta de que son os números os que rexen o Universo, de que son importantes para absolutamente todo. Pero hai algo peor: os números son fríos, exactos e calculadores. 

Sempre optamos por dicir que os números son só iso, números. A cousa cambia cando son eses números os que significan que non poidas dar unha aperta a quen queres ou vivir ao lado de quen queiras. Os números, que de primeiras tendemos a crer que non importan nada, son os que poden destruír todo aquilo que queres, facendo que abandones os teus soños. Aquilo que levas querendo ser dende que eras un neno, pode que nunca máis chegue a ser algo máis alá de un soño, e iso determínao un número.

Son eses mesmos números a distancia que nos impide ver cada día a alguén, son ese peso que marca a báscula, son as túas notas e cualificacións, eses 18 anos que determinan a túa madurez aos ollos da xente, sen importar o que vivises nun pasado. Os números son as horas, as datas, as estacións do ano, as cancións dun disco. Son o frío e o calor que faga, sen importar o que ti sintas por dentro.

Os números son demasiado crueis. escóndense detrás das persoas e van matándoas aos poucos, pero o que os números non poden calcular son as ilusións, os amores, os medos e as esperanzas que esas persoas albergan.

Para previrnos de todo isto, supoño que dende pequenos nos ensinan que hai problemas, ecuacións e contas sen solución, porque ás matemáticas non podemos nin enganalas, nin destruílas. Sen embargo, hai cousas máis fortes que eses números. Porque da igual a distancia que vos separe se te están esperando, porque o importante non e o peso que marque unha báscula, senón como te sintas contigo mesmo. A túa madurez ou a túa intelixencia non veñen definidas polos números, senón polos teus actos. E estes actos están completamente na túa man, decídelos ti en cada momento. porque o importante non é a hora, é como brilla o sol nese momento. O máxico das datas non é o número, senón o recordo, a pegada que deixan en ti. E qque a importancia dun disco non reside no número de cancións que contén, senón no que cada unha delas che fai sentir. 

L.

Ningún comentario:

Publicar un comentario