28.8.13

Tempus fugit.


Despois deste tempo, se é que sabedes algo de min, seguro que vos estades preguntando que serie de atentados contra a humanidade pode transformar a unha criatura que só come e caga, nunha persoa tan horrible coma min, coas ideas que me acompañan. Pois ben, teño que comunicarvos que non é problema meu, senón que é xeracional e vouvos explicar as circunstancias que nos levaron a el.
A nosa infancia comeza cos teletubbies, que son catro criaturas de xéneros indefinidos que, non contentos con ter nomes como “Po” ou “Lala” e ter un televisor incrustado no abdome, falan como se inxerisen estupefacientes diariamente, depositados (na miña opinión) por esa aspiradora nas teletorradas esas que almorzaban. Pola aspiradora... ou polo pequeno ese que decapitaron para facer o sol. Oe, que polo menos usaron a cabeza e non o cu, todo un detalle.

Vale, ata aquí normal, cada un que se meta o que queira, pero e que logo empezamos o colexio e aí as cousas empezan a poñerse chungas. Para comezar, obrígannos a comprar plastilina. Esa substancia que, sexa da cor que sexa, vai acabar mesturándose con todo o resto da gama cromática ata dar cor negro. Porque sexamos honestos, ti pensabas que podías separar as cores cando quixeras, pero rematabas cunha bola noxenta que lle intercambiabas amablemente ao compañeiro do lado polo seu taco de plastilina aínda intacto. E parece un xogo inocente de nenos, pero eu vin a algunha pequena comerse plátanos de plastilina, e algo ten que ter esa masa, porque cando chegaba o médico e nos pinchaba, a plastilina funcionaba como placebo. E si, ao mellor son paranoias miñas, pero que me dis do Fluor-kin? A todos nos mandaron ao baño enxaugar a boca con ese líquido rosa, e todos o acabamos tragando, agora non vos queixedes.  Igual que todos comimos algunha vez os palotes con papel. A parte nutritiva da golosina estaba na celulosa!

Logo había outros detalles, como eses punzóns que incitaban á violencia ou o xogo das cadeiras, ese xogo que nos obrigaba a camiñar co cu ladeado, así como a Duquesa de Alba na actualidade. Que mal rollo. O bo do colexio, era chegar a casa e cebarnos a nocilla mentres víamos Gatocan, Shin Chan ou Dragon Ball. Aquelo si que eran debuxos e aprendíase con eles, e non os de agora. E a nocilla, que nocilla! Non como agora, que grazas a ese fenómeno denominado “crise económica” nos vemos obrigados a mercar unha nocilla de marca “Hacendado” que nin sequera se pode untar do sólida que está. E máis tarde, chegou esa idade chamada adolescencia, esa etapa na que todos nos poñemos estúpidos perdidos.Con ela chegou a ESO e, moi ao noso pesar, introducíronnos nun instituto cheo de profesores que nos levaban 3 cabezas de altura, e de rapaces maiores ca nós que fumaban na porta do centro aos que lle tiñamos moito medo. E nós, sabia especie evolucionada, corríamos cara as portas facendo tapóns humanos. Así tres ou catro cursos eh! Uns anos nos que a liberdade se alcanzaba cando te desfacías daquel parte que levaba escrita a túa falta de asistencia/orde a clase.

Eran anos bos, as SpiceGirls xa non soaban na radio e David Civera estaba esquecido, pero non eran anos eternos (excepto para Jordi Hurtado). Despois todo empeorou: o Xabarín xa non tiña cancións como “Estou na lavadora”, Pemán xa non daba o tempo na tele, o reggaeton chegaba aos nosos oídos, Belén Esteban operaba o fociño e o Tuenti transformábanos en canis. O logo de Antena3 pasou a ser laranxa e deixaron de emitir Pratos Combinados na galega! Con esta vida tan dura os adolescentes coma min optamos por conservar a esperanza de que a carta de Hogwarts chegara a nosa casa. Pero esta carta nunca chegou e o que nos queda a todos é seguir cara adiante asimilando a idea de que seremos pais duns rapaces que serán tan estúpidos coma nós ou máis! Pero... ser pai ou nai non é fácil e ao mellor chegamos a ser tan inútiles que nin iso sabemos facer, porque para ser pai hai que ter ben claro que só hai dúas letras que dominan a túa vida como proxenitor. Dúas letras! Da igual o que o teu fillo che escriba nun SMS, pode contarche que perdeu un ollo enfrontándose a un antidisturbios ou mesmo pode aparecer o alcalde do pobo na túa porta dicíndoche algo como “a túa filla xa debe de ir moza e ti tes a contribución sen pagar”. Se es un bo pai, farás uso desas dúas letras e diraslle “Ok”.

E ser nai é incluso máis difícil! Porque non sei vós, pero eu estou segura de que cando diga “a que vou eu e o atopo” non o vou atopar. E se non atopas cousas perdes o teu dereito como nai, e punto. Igual que se non sabes cambiarlle o xénero sen criterio ás palabras chave dunha situación. “Pero que secuestro nin que secuestra, a que vou eu e o atopo!”.

3 comentarios:

  1. E que me dis dos tazos? Eso si foi unha evolución da especie humana! Moi boa entrada :)

    ResponderEliminar
  2. entrada OK,se alguen non a atopa,xa o fago eu.

    ResponderEliminar
  3. Unha vez máis moi boa entrada Lau!!! Sigue con isto porfa.

    ResponderEliminar