28.8.12

Estupideces inevitables


Como seres humanos que somos (algúns máis que outros), ás veces facemos cousas que non podemos evitar porque nos producen unha sensación pracenteira e, aínda que logo sufrimos as consecuencias, volveriamos facelo. Son o que chamamos ESTUPIDECES INEVITABLES, por exemplo.

Hai varias estupideces inevitables que están bastante claras, como por exemplo a ESTUPIDEZ PERMANENTE, que ten lugar cando ti estás utilizando un permanente nun CD (é o seu uso máis normal) e nisto que te das conta de que cunha arma de tal calibre poderías escribir en calquera lado e calquera cousa, dende palabras ofensivas ata grandes graffitis reivindicativos! Pero non nos imos enganar, ti ademais de estúpido tamén es realista, polo que comezas pintando a tapa e logo, coa emoción, pintas estoxos, carpetas,  mesas e incluso o teu propio corpo, enchéndoo todo de arte abstracta, personalizándoo, deixándoo todo…feito unha merda, unha estúpida merda difícil de borrar (sobre todo a pintada do brazo, esa non sae “nin pa’ dios”).

Outro exemplo que temos bastante preto, é o do ESTÚPIDO PASTOR, ese condenado fío aparentemente inofensivo que ti, aínda sabendo que pode estar aceso, vas ir alí tocar e vas levar o merecido calambrazo que resposta á pregunta mental que ti antes te facías, esa de…”E dará moito carallazo?”.

Ademais, todos estamos sometidos á ESTÚPIDA HOSTIA, esa que utilizas para TODO. Se a radio non capta a emisora desexada ti sintonízala cunha hostia, se a TDT falla (coma sempre fai, manda carallo co invento) ti amáñala cunha hostia, e se o goberno español falla…a verdade é que está fallando e eu non vexo que ninguén lles meta hostias.

 E por último, a estupidez máis moderna, porque agora co das redes sociais aburrirse é moito máis aburrido (si, é así, sabes que é aburrido e noxento e aínda así entras) e lévanse a cabo ESTUPIDECES ABURRIDAS, que a miúdo teñen moito que ver co botón de “Inicio”, porque chega un punto no que estás tan sumamente aburrido que lle dás desesperadamente ao botón “Inicio” coa estúpida esperanza de que dunha das veces, ao darlle e actualizarse a páxina, haxa unha novidade que che alegre o momento. A verdade é que nin ti mesmo sabes que tipo de novidade esperas, porque os eventos pasalos polo forro e os comentarios nin sequera te vas molestar en contestalos, polo que eu creo que o que o teu subconsciente espera en realidade é algo como “Etiquetáronte nunha foto guarra”,”Tes un comentario guarro no teu taboleiro” ou incluso “Tes unha nova petición guarra dunha amizade guarra” (non sirve de nada enganarse, só esperades cousas guarras).

Xa sabedes, tomade exemplo e non intentedes evitar estupideces coma estas, que para algo son inevitables! (E para algo o ser humano é estúpido, ou non?)

Só existe un deus, chámase morte, e só hai unha cousa que dicirlle á morte: "Hoxe non".

L.

2 comentarios:

  1. Os debuxos de BICarte parecenme unha maravilla, e tamen me parece que o teu inxenio escribindo vai por o mesmo camiño. Noraboa.

    ResponderEliminar
  2. Dáseche ben a música, o debuxo, a bioloxía e a escritura. Chavala, de que vas, deixa algo pra os demais.

    ResponderEliminar