12.7.12

Praia, odiado lugar.


Continuemos falando do verán. Eu creo que a maioría de nós pensamos no verán e vennos á mente a imaxe da praia, unha imaxe máis ou menos así:

Pero esta imaxe non se corresponde para nada coa realidade. A praia da foto parece divertida, ou polo menos relaxante, cando en realidade unha praia non é divertida, e moito menos relaxante. A praia é unha das cousas menos relaxantes do mundo porque incluso non estando nela o pasas mal, como a noite anterior, que dormes pensando “Oxalá mañá faga bo día”, e ao día seguinte segundo espertas abres a persiana e… FAI BO DIA! Neste punto comezas a experimentar unha sensación parecida á relaxación, pero que remata rapidamente cando comezas a ver que a túa familia está recollendo as cousas para ir á praia.
Na túa mente a idea de preparar as cousas para ir á praia limítase a coller unha toalla e unha muda, pero cando vas gardar as túas cousas, que son só dúas, comezas a ver que a túa familia está metendo tantas cousas na maleta do coche que parece que ides ao Xapón un mes. Entón, ti comezas a pensar que ao mellor che fan falta máis cousas que unha toalla e inclúes  na túa equipaxe cousas cas que te podes entreter: uns pasatempos, unha revista, algo para  escoitar música, uns panos de papel… E se a isto lle engadimos que túa nai vai engadir tamén varias cousas inútiles como a gorra que nunca ninguén pon ou as gafas de auga, pois é ben sabido por todos que nunca se ve un carallo debaixo da auga do mar, ademais de que lles entra auga e che apertan tanto que os teus ollos temporalmente seméllanse aos de Ozil.
Unha vez que na maleta do coche xa se encontra todo o que pode resultar necesario nunha viaxe polo Sáhara, a alguén se lle acorda que ao mellor podíamos meter algo para xogar en familia, polo que se meten tamén diversos xogos de propaganda: as pás, o disco, as raquetas de bádminton, a pelota…
Cando por fin comeza a viaxe interminable, que pode estar acompañada polos “éxitos do verán” na radio, comezas a percibir que o ceo que antes estaba azul comeza a poñerse gris e caen gotiñas no cristal do coche e para intentar amañalo, alguén da túa familia di “as gotas estas nada eh, que non é que chova, é que xa estamos cerca do mar e salpica”.
Aínda así, a familia segue adiante. Cando chega por fin á praia instálase e cada un ponse a facer algunha cousa aburrida, normalmente ler. Ti, como adolescente moderno, déitaste na toalla e intentas entreterte con música, pero as areas comezan a invadir a túa toalla e encima túa nai bótache crema solar, que di que se absorbe pronto pero é todo mentira. Logo volves deitarte, pero a crema favorece que se che peguen as areas e rematas parecendo unha croqueta andante.
Cando xa estás canso de derreterte ao sol cos ollos pechados, poste a observar as personaxes que hai por alí cerca e dáste conta de que a praia non é como a imaxe que tiñas na túa mente ao principio porque alí non hai nin rapaces guapos facendo surf nin rapazas ao estilo Pamela Anderson. No seu lugar, hai outro tipo de personaxes,  entre elas as señoras que se levantan para ir mollar os pés (e logo a caluga) e levan en todo o cu marcada a cadeira na que estiveron sentadas ou as que fan topless, que non son agradables de ver, ou outras personaxes como os señores que teñen tanto pelo que parecen osos, as nenas pequenas que van correndo e fan buratos na area para mexar neles e nenos que xogan á pelota e acaban tirándoche máis area aos ollos.
Ti, que non sabes que facer e aínda estás coa dixestión (pode durar entre media hora e 3 horas, dependendo da nai que teñas) decides que vas xogar a algo, pero isto tamén é un fracaso porque a ver, o xogo das raquetas a naide se lle dá ben, non imos enganarnos, e se xogas á pelota acabas suando coma un porco e indo por ela ao quinto inferno, así que despois de intentalo sen éxito, vas á auga.
Na auga normalmente hai pequenos saltando ondas e señoras queixándose de que “a auga está conxelada, o outro día estaba máis quentiña” e é verdade, está conxelada, pero é mentira que o outro día estivera máis quentiña, porque SEMPRE está fría. Ti nun acto que semella ser heroico e despois de mollar o pescozo e os pulsos, tíraste de golpe e cando xa non sentes as pernas, volves á toalla intentando que non se che peguen areas máis que nos pés. Despois de andar media praia ata onde se instalou a túa familia para que non os pillara a subida da marea (tan lonxe non os pillaría nin a subida do IVA) ti vas cheo de areas, claro, e comezas a secarte e a intentar cambiarte de roupa sen que as señoras que te rodean te vexan e unha vez que o consegues e que pos a chaqueta esa que ti non querías levar pero que túa nai meteu igual no coche, volves á casa morto de fame, cheo de areas e sen ganas de volver á praia no que queda de verán porque a actual imaxe que ti tes da praia e outra bastante diferente á do principio, algo así:

Unha imaxe vale máis que mil palabras.










 P.D: Grazas a Nelly por aportarnos tanta alegría na foto e por non denunciarme. Grazas tamén ás señoras que saen nela, especialmente á da cruz nas costas.

E ademais... CHEGAMOS ÁS 1000 VISITAS! Grazas a todos por entrar e por comentar, incluso aos anónimos, e grazas sobre todo por darlle de comer aos peixes, sei que é o que máis vos gusta ;)

"O tempo viaxa e soa a ciencia ficción, pero viaxamos no tempo tódolos días. Un recordo da infancia transpórtanos ao pasado, un desexo lánzate directamente ao futuro. O que é realmente difícil é manterse no presente, estar aquí e agora."


L.

8 comentarios:

  1. Adáptase moi ben á nosa realidade. Eu tamén odio a praia.

    ResponderEliminar
  2. Eu non a odio pero si odio eses detalles dela que ti comentas.
    Balotelli-Rajoy? JOJOJOJO

    ResponderEliminar
  3. JAJAJAJAJA de nada Laura, foi un pracer aportar esa marabillosa foto, con esas marabillosas señoras,incluída a da tirita en cruz jajaajaja :)
    e a entrada como sempre, moi boa ainda que eu non odio a praia ! -.-

    ResponderEliminar
  4. Boa descripción, moi boa.
    Pero... Conto que algún día volvas ás reflexións morais. :)
    "... incluso aos anónimos..."?
    Témonos que sentir ofendidos?
    Os anónimos erguemos este País/blog :D

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. petición aceptada, algún día volverei ás reflexións morais.

      Eliminar
  5. [...]aínda estás coa dixestión (pode durar entre media hora e 3 horas, dependendo da nai que teñas)[...] CANTA RAZÓN !! Hahahaha

    ResponderEliminar
  6. Faltouche nomear as señoras que só meten os pes na auga, mollan a nuca cas mans e despois se van, pero polo resto a descrición podería ser a de calquer praia de Galicia

    ResponderEliminar