2.7.12

Medos irracionais


Onte vin unha das pelis de Saw de novo. Eu soa. De noite. Ás escuras. Tiven medo. Só un pouco. Logo pasáronme as típicas cousas que che pasan despois de ver unha peli de medo, ou de escoitar historias raras, ou de ver Cuarto Milenio, porque na fronte de Íker Jiménez poden aterrar todo tipo de obxectos voladores non identificados, e iso tamén dá medo. En fin, o caso é que eu tiven reaccións cando fun durmir que logo, pensándoo racionalmente (aínda que a min personalmente eso da racionalidade cústame) daste conta de que somos bastante estúpidos, sobre todo eu, pero non me cambies de tema!
Imos ver. Señores fabricantes de mantas... que lles botades ás mantas para que teñan ese poder de convertirse nun muro de contención? Porque hai unha cousa, ti estás intentando durmir, ás escuras tamén, e entón a túa mente comeza a montarse unhas movidas incribles e dache por pensar que ven un asasino clavarche un coitelo. E que fas? Pois tápaste ca manta! Deixando un furadiño para o aire, claro. Desta forma, cando o malvado e psicópata asasino te apuñala repetidas veces ti non sofres, porque tes unha manta irrompible, impenetrable, ríxida, dura e de formigón armado que o coitelo non pode atravesar.
Nestas ocasións de irracionalidade, a túa mente entra nun estado de imaxinación absoluta, de forma que ese montón de roupa porca que ti vas trasladando da cadeira á cama, e da cama á cadeira , pode chegar a convertirse nalgo como isto
porque é algo super lóxico que o que sexa que a túa mente se esté imaxinando (eu que sei, un asasino, un violador, Jorge Javier Vázquez..) esté ahí encollido nunha esquina da túa habitación, quieto, mirándote. Porque se hai algo que te vén matar, ou incluso se vén rirse na túa orella mentres dormes, non iba quedar ahí mirándo, faríao e punto.
Seguindo a idea esta de que a manta te vai protexer de todo canto atente contra a túa persoa, hai que ter tamén en conta o medo a sacar calquera parte do teu corpo fóra desa manta. Porque claro, ti sacas un pé fora da manta e déixalo colgando da cama, e tes medo a que alguén cho corte! Agora imaxínate ti un home debaixo da cama, comendo pelusas, esperando o momento adecuado no cal ti te despistas e sacas un brazo da manta. O home nese momento apura e coa súa motoserra ten a intención de cortarche o brazo! O perigo está ahí. 
A escuridade normalmente dános pé a imaxinarnos moitas cousas. Un corredor escuro, por exemplo. Ti a luz do corredor tela que apagar porque non está a cousa como para ir gastando luz só porque a ti che dá a gana, e a túa habitación está do outro lado. Neste caso preséntaseche un problema. Podes arriscarte a ser torturado, ou podes deixar a túa dignidade de lado e correr. Claro, nun corredor iluminado a probabilidade de morte é moi inferior, pero se estás a escuras podes atopar trampas mortais, un pallaso diabólico ou incluso ao propio Voldemort. E entón ti corres e cando chegas á cama pois enfrontaste cos problemas nomeados anteriormente, cuxa solución segue sendo a manta. 
Estas ocasións nas que as emocións gañan á razón son bastante graciosas, pero no momento a verdade é que pasas medo aínda que o nome do blog opine o contrario.

A conclusión desta entrada polo tanto é: comprade mantas. 

"Do que teño medo é do teu medo"-Shakespeare

L.





3 comentarios:

  1. Non podo deixar de comentar para dicirche que me acabas de arruinar, a ver que fago eu agora cando vexa cuarto milenio coa calor que vai no verán, porque teño unha nova para ti: non teño mantas na cama...

    ResponderEliminar
  2. Eu tamén durmo espido!
    Porque... Evito esas situacións, senón tería que soportar esa calor abafante que me evitaría durmir todo o verán :)

    ResponderEliminar
  3. Se dixera que eu tamén durmo espido sonaría incluso pornográfico? Pois durmo espido.
    Cada entrada que fas fai que me guste máis o blog e que entre máis a miúdo a ver se actualizache.

    ResponderEliminar