8.7.12

Verán adolescente

[Fotografía: Laura Mosquera]

Estamos a día...A verdade é que non sei a que día estamos, porque no verán o meu cerebro (como o da maioría dos estudantes) perde a noción do tempo e tódolos días pasan a ser sábado.
Unha vez que remata o curso, comeza a fase na que o estudante se propón a el mesmo facer deporte, cultivar o corpo agora que xa cultivou a mente, exprimir o tempo ao máximo e facer as cousas que deixou pendentes durante o inverno (ler, facer limpeza, dedicarlle tempo á xente do seu redor...). Como é lóxico, o estudante está ata as gónadas de estudar ou de facer que estuda, polo tanto a proposta que se fixo a inicios do verán fracasa tamén a inicios do verán.  
Rematada a fase que denominaremos como fase de adaptación, comeza a fase de aceptación, na que o humilde estudante se dá conta de que non vai mover o cu da cama se non é estrictamente necesario, como pode ser o caso de ir mexar ou de ir á cociña por provisións que favorezan á obesidade infantil. Comezan aquí as noites vendo películas, as mañás durmindo, as nais berrando que non facemos nada... E é verdade, non facemos nada máis que o que temos intención de facer, nada. 
A adaptación remata cando comeza a fase de nostalxia. O adolescente pensa que bota de menos aos compañeiros, que bota de menos os bocadillos do recreo, as risas que se botan nas clases, as clases nas que o profesor di algo que che interesa ou incluso as clases nas que o interesante é o profesor. 
(No caso dos estudantes con asignaturas suspensas, esta fase substitúese pola de desesperación. O estudante sabe que non lle dá tempo a estudar todo o que debe e limítase a odiar ao profesor da asignatura que suspendeu e a facer apuntes en letra moi pequena e en pedaciños de papel sospeitosamente pequenos).
A última fase é a de resignación e durará tanto tempo como o novo curso. Todos pasamos por esta fase, mais ao mellor hai xente que nunca viviu algunha fase das anteriores, que hai xente para todo. Por isto, todos sabemos que é horrible ser consciente o primeiro día do mes de outubro de que aínda che quedan máis de oito meses de clases, nos cales botas tanto tempo sentad@ nunha cadeira que o cu se che volve carpeta, nos cales pasas seis horas ao día escoitando cousas que probablemente non che interesen e nos cales desexas cada un dos días que chegue de novo a fase de adaptación.
A min tamén me pasa. Moitas veces penso "Tampouco é tan malo, ás veces incluso era divertido", pensamento que apoia miña nai dicindo "Anda non te queixes, que a vida do estudante é a mellor que hai". Eu non quero coñecer a vida do traballador, creo. 

A maioría dos días dun ano non teñen nada de especial, comezan e rematan sen deixarnos recordos perdurables na memoria. A maioría dos días dun ano non teñen ningún impacto sobre o transcurso dunha vida.

L.

4.7.12

Berlín

Tradución e adaptación da curtametraxe de J. Enrique Sánchez - Berlín


Pois resulta que unha muller se me achega nun bar e dime:
-Coño Marcos, que fas aquí!? Non te vía dende Berlín! Como estás? Véxote moi ben.
Eu por suposto non me chamo Marcos e por suposto nunca estiven en Berlín, pero ela chámase Helena e ten dúas boas tetas, un bo cu, unha cara bonita e unha sonrisa que non me recorda a ninguén en particular pero que fai que desexe ter coñecido a alguén con ese sorriso. 
Polo tanto eu fágome o tolo e ela pide dúas cervexas e eu outras dúas. A ela faille gracia e rise, eu ríome con ela e ela ponse a contar anécdotas de cando estábamos en Berlín que, por suposto, eu non coñezo pero asinto, bebo da miña copa e ela bebe da súa. Todo parece estar ben porque eu boto un sorriso e ela sorrí e os dous facemos boa parella alí sentados nun bar sorrindo por anécdotas que nunca me pasaron, pero ela non o sabe.
Eu miro as súas tetas e o seu cu e trato de imaxinar quen carallo é ese Marcos e que fixo para ter tanta sorte alí en Berlín. Pregúntome se ela me deixaría repetir aínda que eu nunca fixen nada con ela en Berlín (nin en ninguna outra parte) pero eso non quere dicir que non queira facelo.
Entón ela dime que se mudou fai pouco a unha casa que está alí cerca de aquel bar, que que me parece que nos tomemos a última no seu salón. Eu dígolle que me parece xenial porque alí non hai quen fale e apenas me estou enterando de todo o que me conta sobre ela e eu en Berlín e teño medo de que sexa unha información que logo necesite para facer con ela o que Marcos, ou sexa eu, fixen en Berlín  con ela, aínda que nunca fixen nada.
Saímos do local e camiñamos 500 metros ata o seu portal. Ela colle o meu brazo e apoiase no meu ombreiro e eu poño a man no seu antebrazo. Todo non parece estar ben, pois todo parece estar moi ben. Subimos os cinco pisos sen ascensor ata a súa casa e cando chego arriba eu non estou canso, estou quente. Sigo mirándolle as tetas e o cu, pero sobre todo o seu sorriso e esa cara bonita que eu nunca vira antes de esa noite. Ela pon unha copa para min e outra para ela, eu béboa, boto un sorriso e míroa ata que deixa a súa copa na mesa e eu fago o mesmo.
Mírame, acércase e bícame tocando a miña lingua. Entón descubro que xa non recordo o meu suposto nome pero non digo nada porque me custa dicir algo con outra lingua na miña boca. Quitámonos a roupa. Imos á cama. Revolvémonos. Follamos. Suamos. Rimos. Ela berra “Marcos” e eu berro “Helena” porque diso si me acordo.
Un anaco despois rematamos e quedamos deitados na cama. Ela saca unha caixa da mesiña de noite e ofréceme un cigarro que eu collo aínda que non fumo porque ao mellor Marcos si fumaba en Berlín e en outros sitios. Dedicámonos a exhalar o fume sen dicir nada e en vez de estar tenso estou moi tranquilo, non sei se porque supoño que é así como se sinte un cando folla con alguén con quen xa follou noutra cidade como berlín (ou calquera outra) ou porque me gusta esa rapaza que case non coñezo aínda que xa follei, suei e sorrín con ela.
Entón remato o meu cigarro e aplástoo contra o cinceiro. Míroa e dígolle:
-Eu nunca estiven en Berlín.
Ela mírame e dime:
-Eu tampouco.
Todo parece estar ben porque ela sorrí con ese bonito sorriso seu e sigue tendo unas boas tetas e un bo cu. Eu, non sei porque, non podo deixar de sorrir tampouco. Abrázoa e non digo nada máis, ela tampouco e os dous, pouco a pouco, quedamos durmidos. 

Porque cada día nace e morre xente e mentres nós encontramos unha morea de cousas ridículas e tamén importantes para manternos ocupados, como o amor e o sexo, aínda que non necesariamente nesa orde, e aqueles que consigan encontrar un e outro na mesma persoa deberían saber que son moi afortunados.

L.


2.7.12

Medos irracionais


Onte vin unha das pelis de Saw de novo. Eu soa. De noite. Ás escuras. Tiven medo. Só un pouco. Logo pasáronme as típicas cousas que che pasan despois de ver unha peli de medo, ou de escoitar historias raras, ou de ver Cuarto Milenio, porque na fronte de Íker Jiménez poden aterrar todo tipo de obxectos voladores non identificados, e iso tamén dá medo. En fin, o caso é que eu tiven reaccións cando fun durmir que logo, pensándoo racionalmente (aínda que a min personalmente eso da racionalidade cústame) daste conta de que somos bastante estúpidos, sobre todo eu, pero non me cambies de tema!
Imos ver. Señores fabricantes de mantas... que lles botades ás mantas para que teñan ese poder de convertirse nun muro de contención? Porque hai unha cousa, ti estás intentando durmir, ás escuras tamén, e entón a túa mente comeza a montarse unhas movidas incribles e dache por pensar que ven un asasino clavarche un coitelo. E que fas? Pois tápaste ca manta! Deixando un furadiño para o aire, claro. Desta forma, cando o malvado e psicópata asasino te apuñala repetidas veces ti non sofres, porque tes unha manta irrompible, impenetrable, ríxida, dura e de formigón armado que o coitelo non pode atravesar.
Nestas ocasións de irracionalidade, a túa mente entra nun estado de imaxinación absoluta, de forma que ese montón de roupa porca que ti vas trasladando da cadeira á cama, e da cama á cadeira , pode chegar a convertirse nalgo como isto
porque é algo super lóxico que o que sexa que a túa mente se esté imaxinando (eu que sei, un asasino, un violador, Jorge Javier Vázquez..) esté ahí encollido nunha esquina da túa habitación, quieto, mirándote. Porque se hai algo que te vén matar, ou incluso se vén rirse na túa orella mentres dormes, non iba quedar ahí mirándo, faríao e punto.
Seguindo a idea esta de que a manta te vai protexer de todo canto atente contra a túa persoa, hai que ter tamén en conta o medo a sacar calquera parte do teu corpo fóra desa manta. Porque claro, ti sacas un pé fora da manta e déixalo colgando da cama, e tes medo a que alguén cho corte! Agora imaxínate ti un home debaixo da cama, comendo pelusas, esperando o momento adecuado no cal ti te despistas e sacas un brazo da manta. O home nese momento apura e coa súa motoserra ten a intención de cortarche o brazo! O perigo está ahí. 
A escuridade normalmente dános pé a imaxinarnos moitas cousas. Un corredor escuro, por exemplo. Ti a luz do corredor tela que apagar porque non está a cousa como para ir gastando luz só porque a ti che dá a gana, e a túa habitación está do outro lado. Neste caso preséntaseche un problema. Podes arriscarte a ser torturado, ou podes deixar a túa dignidade de lado e correr. Claro, nun corredor iluminado a probabilidade de morte é moi inferior, pero se estás a escuras podes atopar trampas mortais, un pallaso diabólico ou incluso ao propio Voldemort. E entón ti corres e cando chegas á cama pois enfrontaste cos problemas nomeados anteriormente, cuxa solución segue sendo a manta. 
Estas ocasións nas que as emocións gañan á razón son bastante graciosas, pero no momento a verdade é que pasas medo aínda que o nome do blog opine o contrario.

A conclusión desta entrada polo tanto é: comprade mantas. 

"Do que teño medo é do teu medo"-Shakespeare

L.