4.9.14

Diario dun michiño.

Día 1: hoxe, coma dende que teño memoria, estaba durmindo. Cada vez tiña menos espacio e comezaba a estar incómodo. De repente a paz rompeuse e o nivel de auga comezou a baixar. Non comprendo ben o que pasou, todo foi moi confuso e axetreado, pero isto xa non é o mesmo. Dende que notei o frío na pel, unha señora estivo pasándome a lingua por todo o corpo. Eu non quero dicirlle nada porque a noto moi afanada, pero a súa lingua non é moi suave que se diga. Ademais, non son capaz de andar, e cando consigo arrastrarme agárranme polo pescozo e vólvenme ao sitio. O mellor será que vaia durmir, iso dáseme moi ben.

Dia 2: hoxe cando espertei, a fame era maior ca onte. Estiven comodamente deitado, esperando a que alguén me collese polo pescozo e me dese de comer. Miañei, ou intenteino. A verdade é que pensei que tería unha voz máis potente. Foi decepcionante. Cando espertei da cuarta ou quinta sesta a fame volvérase insoportable. Entón, algún tipo de criatura empuxoume contra algo blandiño, e despois outra vez, e outra. Podía cheirar a comida! Cun gran esforzo conseguín arrastrarme e facerme camiño entre os obstáculos que emitían os mesmos sons ca min (tamén decepcionantes). E atopeina: unha teta! Xa lle gustaría a moitos machos coma min ter unha teta pegada aos fociños,  e encima deume a merenda! Hoxe sen dúbida foi un gran día. Vou... durmir.

Día 10: vexo. Foi doloroso, pensei que me ardía o cerebro, pero conseguino:abrín os ollos. Primeiro só daba aberto un e parecía chosco, o cal non axuda a un macho dominante coma min, pero finalmente conseguín adaptarme á luz e xa comezo a andar ben. A señora que me lambe sempre, mamá, é moi gorda e grande, pero segue coidando de min. O peor son os outros: teño 9 irmáns -obviamente máis feos ca min- cos que deberei loitar ata ser o líder e coller a mellor teta de mamá. Comeza a loita! Pero... mellor despois da sesta.

Día 12: hoxe corrín polo menos 10 segundos, e acabei rebentado. Ademais, tiven que deixarlles claro aos meus irmáns quen manda aquí, e non foi fácil porque aínda non controlo de todo e metinme unhas boas hostias contra certos obstáculos. Tamén descubrín que teño unha lingua áspera como a de mamá, e xa sei lavar as patas! Vou facelo agora de novo, antes de durmir.

Día 13: estou algo desconcertado, levaba todo o día atopándome mal e mamá ensinoume a comer herbas. Logo de moitas herbas e moitas sestas, empecei a tusir e cuspín unha bóla de pelo. Do meu propio pelo! Pero descubrín unha cousa fantástica. Mamá di que se chama 'sol', e dá moito calorciño. Vou pasar debaixo del toda a vida!

Día 15: acabo de descubrir que chego a lamberme os collóns eu soliño. Contaríavos máis cousas, pero estou algo ocupado. 

Día 16: separáronme de mamá e dos 9 tocapelotas que non me deixaban mamar tranquilo. Estou triste, e confundido. Agora dame de comer un ser moi desconcertante cunha xeringa chea de leite. Non sabe como a de mamá, e non estou seguro de que este ser sexa de fiar. Vou vivir en alerta permanente.

Día 20: acabouse a alerta permanente. O tío raro este sabe rascarme as orellas como a min me mola, e cando me acaricia o lombo resúltame imposible non erguer o cu e poñer o rabo teso do gustirrinín que me dá. E si, vou durmir, pero hoxe moito mellor.

Día 24: a cacería comeza. Mamá cazaba moitos deses animaliños grises con orellas e rabo rosado. Dicía que tiñan moitas proti... porte...proteínas! O meu primeiro intento, para que mentir, foi un auténtico fracaso, pero xa non necesito ser o macho dominante porque estou eu só. Seguirei co entrenamento, a ver se para a próxima non dou ca cabeza contra a parede. Agora... mellor unha sesta.

Día 32: foi o día que máis durmín na miña vida -non moi longa ata o de agora-. Tiven a oportunidade de subirme á cama do tío raro e a verdade é que estaba moi cómodo ata que deixou de rascarme. Entón comecei a sospeitar que algo ía mal e decidín aproximarme á sua cara para saber se seguía vivo. Notei a súa respiración, pero non podo baixar a garda, se deixa de respirar e me entra a fame a ver que fago... Volve o estado de alerta permanente!



Día 39: humano hoxe está moi enfadado. Botou o día berrándome coa fregona na man e sinalandome unha caixa chea de area. Creo que pretende que vaia cagar a esa caixa, estará de carallada ou? Non penso encherme de areas cada vez que vaia botar unha mexada! Como non solte a fregona dunha vez, vou acabar coméndomo esta noite. Aínda que pensándoo ben... iso é demasiado traballo. Case mellor se durmo unha sesta antes,  que me queda moita vida por diante para torturalo.


MIAU!!!

L

Ningún comentario:

Publicar un comentario