24.12.13

Morgana en España.

Vouvos contar hoxe un conto de nadal, o conto da doutora Morgana:

Morgana quixo ser doutora dende que tiña 6 anos. Soñaba con vestirse de branco e dicirlles aos nenos “di: AAAAH”, como facía con súa irmá mentres lle abría a boca cun pau de xeado. Non podía esperar aquel momento de escoitar o corazón da xente con aquel aparello tan estraño e así poder curalos raiando cun bolígrafo nun papel, simulando receitar medicamentos ideais para enfermidades imaxinarias. Quería salvarlle a vida á xente!
Pasou días enteiros coas súas noites incluídas estudando termos que nunca antes escoitara, diagnósticos que lle resultaban case imposibles de concretar e síntomas que cría inexistentes. Non todo eran catarros, tiritas e ósos rotos como cando tiña 6 anos, pero despois de varios anos de dedicación e esforzo, Morgana puido por fin poñer a bata branca e colgar dela aquela tarxeta que facía realidade o soño da súa vida. Era a doutora Morgana.
Un día volvendo para a casa, xa tarde, Morgana topou cun home moi malo e moi bébedo que tiña moita forza e que, berrando moito, a obrigou a facer cousas que ela non quería para logo deixala alí tirada na rúa.  
Morgana era unha muller moi valente que nunca tiña medo a nada e a pesar do sucedido co home malo ela sabía que tiña que seguir adiante, así que cando soubo que ía ter un fillo dun home que a maltratara decidiu que era mellor paralo a tempo, porque ela non estaba preparada para ser nai nesas condicións. Mentres, nunha cidade cuns edificios moi grandes chamada Madrid, un feixe de homes fascistas e vellas machistas reuníase para aprobar o que ía ser a lei contra o aborto, que é unha nova lei que di que as mulleres españolas que quedan embarazadas teñen que ser mamás queiran ou non, e da igual se se poñen en perigo a elas mesmas, se no feto se observan malformacións ou se sofre algunha enfermidade que lle vaia impedir levar a cabo unha boa vida cando naza.
Pois ben, despois de que este goberno retrógrado aprobara unha lei máis restritiva que a que había en 1985, Morgana comezou a ver na tele a políticos (homes malos) falando sobre o que a ela lle parecía ser unha broma: “Esta ley defiende y protege a la mujer” boureaban, “hay que situar a la mujer en el siglo XXI” ouveaban, “os habéis quedado en el siglo pasado” dicíanlles aos da oposición (que tamén eran homes malos). Morgana preguntábase porque facían iso, porque dicían que abortar era un asasinato e logo asistían a eventos nos que o principal entretemento era torturar ata a morte a un animal, como podía ser un touro. Ela non entendía nada, non sabía porque non lle permitían decidir sobre o seu propio corpo, sobre o que sería ou non o seu fillo, pero o que si sabía era que estaba obrigada a ser mamá.
Pasado un mes, Morgana xa non puido seguir sendo doutora porque o home para o que traballaba, un home tamén malo, non quería perder cartos cunha empregada que estaba de baixa, así que o que fixo foi despedila, e como o xefe de Morgana tamén é español non lle tivo que pagar nadiña por facelo.
Uns meses despois, Morgana tivo que pagar moitos cartos para poder pagar a sanidade, que era xa privada, e foi mamá dun neno moi lindo, cos ollos verdes e os cabelos rubios. Este neno, nacido por suposto en España, supoñíalle a súa nai un gasto moi grande dun diñeiro que ela non tiña, porque non atopaba un novo traballo e o goberno, que era o culpable da súa situación, non lle prestaba axudas económicas, ao contrario, o que facía era subir os impostos e as facturas, e chegou un día no que Morgana xa non podía pagar nada máis porque nin sequera tiña con que darlle de comer ao seu neno, así que os homes malos decidiron quitarlle a casa e deixala tirada na rúa, como fixera aquel primeiro home malo. 
Morgana non estaba disposta a que o seu neno -o neno que lle obrigaran a parir- medrase na rúa e non puidese ter acceso a unha educación pública e de calidade, sabía que era inxusto o que lle estaban facendo e quixo protestar, así que un día asistiu a unha manifestación na que había moooita xente enfadada cos homes malos. Estes, que agora tiñan moito medo, decidiron que non querían escoitar o que esta xente lles pedía, así que o que fixeron foi pagarlles a uns homes malos moi hipócritas que ían vestidos de negro e levaban cascos e paus nas mans para que detivesen a aquelas persoas que reclamaban os seus dereitos. Foi un deses homes o que lle pegou a Morgana ata deixala, como aquela noite fixera aquel primeiro home malo, tirada na rúa.
Pero a Morgana non a matou só un policía, a Morgana matouna o seu país e o feixe de fillos de puta que o gobernan.

Bo Nadal.


L.