26.11.13

Eh, papá!:


Non recordo os primeiros anos contigo. De como me poñías cabeza abaixo ou me deixabas colgada da barra das cortinas só sei o que as fotografías me din, e diso fai 16 anos xa. Aínda podo verte sentado no sofá con Perliña enriba, sacando os gatiños de dentro do coche antes de ir traballar ou lendo aquel libro de Como deixar de fumar, pero se me paro a pensar, creo que o primeiro recordo que teño de ti e esperándome á saída o meu primeiro día de colexo, e dese van seguidos moitos outros. 




Recordo como me ensinaches a andar na bici e como me levaches no colo á casa cando caín e desfixen as rodillas, como me ensinaches a nadar no río, a andar en patines, a xogar ao xadrez, ás cartas e ao dominó. Nunca deches feito nada bon de min ao baloncesto, e as únicas veces que conseguin meter a pelota polo aro foi porque ti me subías nos brazos, pero... si que conseguiches que recuperara volleyball despois de todo un verán xogando diante da casa! E sempre te recordo facéndome escachar coa risa, motivándome, dicíndome que todo ía ir ben se o facía como eu sabía, dándome impulso e animándome a continuar con todo aquilo que comezaba. Tamén reñéndome por deixar as luces encendidas, por tardar moito en ir á cociña, para evitar que me equivocase ou por non poñer interés nalgunhas cousas, pero sei que nunca me reprochaches nada e que sempre que me chamaches a atención foi porque sabías que necesitaba volver ao rego, que me facía falta que me puxeran as cousas claras. E se che gardo rancor por algo, só é por tódalas veces que me roubaches as zapatillas cando estaba descalza... víngome sacándoche fotos mentres durmes. 

Encántame levarche a contraria e discutirche cousas absurdas poñéndoche argumentos tan relevantes como "nah" ou "que non que... eu non o vexo así", porque a verdade é que sempre que debatimos algo aprendo moito de ti, aínda que non cho pareza. E din que nos parecemos, que son clavadiña a ti... Quen me dera. O que está claro é que compartimos o amor polas tatuaxes e un gran talento vocal! Ou... non era iso? :)


Hoxe, aínda que pareza mentira que aguantases tantos anos cunha filla coma esta, cumples 51 anos, e o mínimo que podo facer (xa que este ano non creo que vaia haber debuxo...) é agradecerche todo o que levas feito por min: grazas por todos os valores que me transmitiches, os consellos que me deches, a paciencia que demostraches ter comigo, todo o tempo que me dedicaches e toda a comprensión que me demostraches. Porque se dalguén aprendín as cousas importantes da vida, foi de ti, e se de algo estou realmente orgullosa hoxe en día, e de ser filla túa. 

Moitas felicidades, papá!


Ah! E... ten coidado coa porta do forno, que vas foder a rodilla! 

L.

1 comentario:

  1. GRACIAS, non sei se tatuarme o teu nome ou cantarche unha canción, non escribirei moito que o teclado empeza a fumear (creo que non aguanta a humidade), debe ser que me emociona verme con pelo. Hostia! vaya filla teño!

    ResponderEliminar